Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Muíños,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este conxunto de muíños está situado á beira do río de Vilaza, na baixada que vai dende a aldea de Zamáns ata o encoro,a menos dun quilómetro do campo da feira, punto central da parroquia. O primeiro está na marxe esquerda do río e os catro restantes na marxe dereita da baixada da corrente.

Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición

Estamos ante un conxunto de cinco fermosos muíños, moi próximos entre si, dispostos en fileira ao longo do río de Vilaza. A contorna é un amplo prado en pendente con árbores de ribeira e levadas para regadío e servizo dos muíños. Esta verde extensión comeza na parte alta, ao pé da estrada de Vilaverde, e remata nun fondal no que se axunta o río de Vilaza con outro regato, pouco antes do seu encontro coas augas do encoro.

Comezaremos a descrición deste conxunto co muíño máis próximo á estrada na parte alta do conxunto.

Situación: Está moi preto da estrada. Ao pé dela baixa un pequeno paseo empedrado á beira da canle ata o muíño. Dende a estrada ata este muíño hai un prado con plantación de acivros á beira do río. Todo isto foi preparado pola comunidade de montes de Zamáns.

Tipoloxía: é un muíño de cubo.

Levada: Nos últimos metros está solidamente traballada en pedra a un nivel superior ao do careiro. Esta canle da levada está en perfecto funcionamento na actualidade. A carón do cubo, a levada conta cun rebaixe para desaugadoiro da auga que reborda.

Edificación: está restaurado na súa totalidade. Ten forma rectangular e está construído en cachotaría. Só a porta de entrada conta con lintel e xambas dunha peza. Ten un único fachinelo para entrada de luz. Está cuberto a unha soa auga con tella do país. Ao redor conta cunha varanda de pedra entre o edificio e o río para permitir un paso cómodo e seguro.


Para atravesar o río existe unha boa pontella duns dez metros de longo, en tres treitos de lousas, que engaden un punto máis de fermosura a este recanto da entrada ao gran prado no que se encontran os restantes muíños.

Estado de conservación

é o mellor conservado/restaurado dos cinco. A beleza que expresan as pedras dunha edificació tradicional restaurada devólvennos a imaxe do que foi a viveza dos traballos e da vida que se desenvolvía ao redor dos muíños.

A cachotaría limpa e asegurada, a porta de entrada anovada, a tella nova e ben asentada.

A auga discorrendo pola canle da levada, podemos vela entrar no cubo e saír pola abertura do inferno do muíño.

O paso empedrado ao redor do muíño cunha boa varanda de pedra.

A sólida pontella que atravesa o río polo pé do inferno do muíño.

Todo este conxunto evidencia os resultados dun traballo esmerado de recuperación e posta en valor da nosa arquitectura popular.

Valoración final

Agradecer á asociación veciñal e a comunidade de montes de Zamáns o esforzo e empeño que están poñendo pola recuperación deste conxunto, unha recuperación que non conta coa suficiente colaboración da administración local.

O día 22 de febreiro de 2009 o grupo local do BNG, responsábel das áreas de Cultura e Patrimonio do goberno municipal, organizou unha camiñada dentro do programa “Camiña e coñece” ao redor do encoro dende a aldea de Zamáns. Botáronse en falta dúas cuestións importantes: non estaba a concelleira responsábel de Patrimonio (que sería a principal implicada no “coñecemento” e conservación deste patrimonio) e a falta dun compromiso por parte do grupo organizador (estaban presentes tres concelleiros da corporación municipal) ante as cerca de trescentas persoas asistentes ao percorrido de cara ás posibilidades e viabilidades de futuro deste singular conxunto etnográfico. A única persoa que falou para aquela numerosa asistencia foi o guía da excursión, quen se centrou sobre todo en aspectos de fauna e botánica do percorrido.

Gustaríanos ter podido contar coa oportunidade de escoitar algunha persoa responsábel da asociación veciñal ou da comunidade de montes falar do esforzo que se está levando a cabo para a recuperación e posta en valor deste conxunto.

Tamén nos gustaría ter escoitado a voz dos nosos representantes políticos facendo a correspondente significación social deste espazo de cara a un compromiso por parte da administración local. Sería desexábel que, cando menos, dende o seu silencio, tomasen boa nota (e lle fosen co recado á ausente concelleira de Patrimonio).

Máis información

Pódese visitar unha galería de FOTOS deste muíño.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

3 comentarios

  1. Mi hermano me recomendó este blog y estaba en lo cierto. Este sitio realmente me alegró el día. No te puedes imaginar cuánto tiempo había buscado este tipo de información! Gracias!

    Comentario by Dental Loupes — 27 abril, 2011 @ 20:21

  2. os visito moi amiudo polas miñas andanzas desta fermosisima parroquia… agás que te esqueciches de nomear os muíños de maquias a carón do encoro….

    Comentario by pablo perez cocaña — 18 marzo, 2014 @ 19:04

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.