Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coia,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado en Bouzas, na rúa Ánimas, case enfronte do estaleiro Barreras.

Forma parte da parede dun edificio e está a escasos metros doutro peto de ánimas chamado da Virxe do Carme, tamén na mesma parede.

Rúas que leven a denominación das Ánimas en Vigo hai outras dúas, correspondentes con cadanseu peto: rúa Ánimas-Caeiro en Cabral e Subida ás Ánimas en Sampaio de Lavadores.

Descrición

Este peto da Virxe do Socorro é de pequeno tamaño e está formado por un fornelo con arco de medio punto.

Ao seu redor leva un reborde de cor vermella cun remate en cruz da mesma cor na parte superior, semellante á fasquía do peto do Carballal de Cabral. Na parte inferior ten un pequeno burato para depositar esmolas.

Presenta tamén un portelo con enreixado cruzado, sen cristal.

No interior hai un retablo policromado rematado en arco de medio punto superior, no que se representa a Virxe do Perpetuo Socorro co neno Xesús no colo acompañada de dous anxos.

Na parte inferior do retablo hai unha inscrición:

“NUESTRA SRA. DEL PERPETUO SOCORRO”.

XXComo principal elemento agresivo está o contador eléctrico que alguén nalgún momento tivo a brillante idea de chantarlle, tamén encastado na parde, ao seu lado. Cando e quen puido consentir unha agresión así é algo inexplicábel a estas alturas.

Intervención e posterior agresión

Ao longo do ano 2008 fíxose unha intervención de mellora e humanización deste recanto onde se atopan os dous petos de Bouzas. Esta mellora consistiu en pintar a perede cun mural que representaba unha paisaxe de campo, cunha gran oliveira central -a árbore máis emblemática de Vigo-, herba, plantas e un un gran ceo azul detrás colmado de aves.

Foi unha intervención acertada e humanizadora dun lugar tan asediado pola industrialización da zona.

Mais esta fermosa fasquía que adquirira non durou moito tempo. A comezos de 2009, alguén abriu un gran boquete na parede entre os dous petos de ánimas para instalar unha máquina de bebidas e comidas. Unha espantosa, incomprensíbel, lesiva e grave mutilación dun conxunto patrimonial que a duras penas sobrevivía neste recanto industrial.

Agardamos que se adopten as medidas oportunas para que se restitúa todo ao seu lugar e disposición orixinal. Deixar pasar esta agresión sería grave tamén par unha administración que ter a obrigación de velar para a preservación do noso patrimonio cultural. De paso, pódese aproveitar para trasladar o contador eléctrico que está apegado a un dos petos de ánimas.

Máis información

Podedes ter acceso a unha completa galería de imaxes deste conxunto etnográfico.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.