Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Mámoas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Estas mámoas están situadas nos lindeiros entre Vigo e Mos, dentro do Círculo Mercantil de Vigo.

Conforme entrades polo parque do Mercantil podedes recrearvos na única sobrevivente da incomprensíbel desfeita que sufriron estes enterramentos neolíticos que se atopaban dentro da propiedade (?) que este club privado ten nos límites entre Vigo e Mos.

Ao carón da mámoa que se conserva na entrada podedes observar numerosos chantos ciscados por diversos lugares ao seu arredor pertencentes a outras mámoas destruídas.

Se vos achegades ao campo de fútbol atoparedes o espectáculo denigrante e repulsivo que vos amosamos nestas fotos: unha serie de chantos, pertencentes a varias mámoas, acantoados ao pé do valado resultantes do arrasamento da zona para a construción do campo de xogo. E aínda permanecen alí tirados.

Descrición

a) restos esparexidos na entrada principal: á esquerda da entrada podedes ver varios chantos pertencentes a mámoas destruídas. Son de considerábel tamaño e están esparexidos sobre a herba, empregados como decoración pétrea. A beleza destes megálitos leva a que a pesar da súa destrución poidan ser reutilizalos como decoración de xardín. Podedes atopar varios grupos de chantos en diferentes sitios: á esquerda e á dereita da mámoa conservada na entrada; nunha esquina do aparcadoiro hai outro gran chanto illado; preto do campo de fútbol hai máis chantos ciscados…

b) restos dun dolmen detrás da portería do campo de fútbol: son sete chantos amoreados, o número habitual dunha mámoa completa. Están cubertos de herba e espallados en ringleira. Podedes velos tranquilamente se ides por fóra do recinto á beira dos chalés (esa é outra: cantas mámoas arrasaron os chalés alí construídos?).

c) restos doutro dolmen no campo de fútbol de terra: son outros sete chantos en ringleira apegados ao valado metálico. A imaxe é patética e esperpéntica: un campo de terra aberto que parece resultar máis importante ca a posta en valor destas mámoas para o paseo, lecer e aprendizaxe da nosa historia e arte ao aire libre para as persoas visitantes e usuarias deste club privado.

Valoración final

En canto ao acantoamento dos restos mortais destes fermosísimos legados megalíticos da nosa antigüidade e a vergoñenta intervención por parte de todos os que permitiron que isto ocorrese e que aínda se manteña, podemos apuntar, cando menos, que no sur de Ourense, no val do Salas, no concello de Muíños –moi preto do Couto Mixto-, cando se construíu o encoro actual tiveron cando menos a sensibilidade de volver a reconstruír dous dolmens nunha zona máis elevada (a Casola do Foxo e a Casiña da Moura), que hoxe son un dos principais atractivos históricos da zona.

Cando se construíu o cemiterio privado de Candeán, unha mámoa que quedaba dentro do recinto (Mámoa IV da Chan dos Touciños) foi conservada e mesmo destacada dentro do conxunto. Hoxe en día o cartel publicitario deste cemiterio leva como emblema o debuxo dun dolmen. Outro intento de restitución dunha destrución de dúas mámoas témolo tamén no límite Vigo e Mos: as mámoas 3 e 4 do Rebullón, destruídas pola construción das autoestradas de Baiona e Tui e que hoxe se poden ver reconstruídas nun centro cultural.

Que administración permitiu que se cometese a barbaridade que aínda hoxe se amosa descaradamente á vista no recinto do Mercantil? E mencionamos directamente as administracións porque son as principais responsábeis de que isto non poida ocorrer (concello de Mos e Delegación Provincial de Cultura).

A ignorancia de non saber facer convivir o progreso e a presión de usos privados da natureza coa conservación do noso patrimonio histórico máis antigo leva incluso que se poida exhibir tranquilamente na actualidade a barbarie do delito cometido no seu momento.

É necesario que se produza agora unha adecuada intervención da administración que preserve cando menos con dignidade os restos das numerosas mámoas que se aniquilaron neste lugar e que están tiradas e amoreadas de calquera maneira por distintos lugares deste recinto.

A vergonza e indignación que produce o espectáculo do estado actual de conservación dos chantos que aínda sobreviven clama ao ceo.

As imaxes que hoxe ofrecemos neste artigo tráennos á memoria unha frase pronunciada por don Isaac Díaz Pardo ao final dun dos seus elocuentes e aleccionadores discursos: “Que marabilla de país, pero que carallada de xente”.

Máis información

Podedes acceder a unha galería de imaxes.

Arquivado en: Castros — Xosé Couñago

No catálogo oficial do concello de Vigo aparecen catalogados 25 castros. A maioría deles son completamente descoñecidos para as persoas que aquí vivimos. De feito podemos preguntar ou preguntarnos cantos castros coñecemos e veremos o limitado das nosas respostas.

Un patrimonio tan abundante coma descoñecido; por que?

Hai algún deles que estea escavado? Un par deles, a medias (o que está no monte do Castro do centro de Vigo –que ningún dos gobernos municipais de todas as cores que xa pasaron fixeron aínda nada pola súa posta en valor-, durmido no limbo do esquecemento; e o que está dentro ou debaixo ou encaixado daquela maneira no museo do Mar; un castro molesto para a obra que se priorizou naquel mesmo lugar e que malamente se soubo facer convivir: que mellor elemento para incorporar a un museo do mar ca un castro marítimo, a través do cal poder contar tantas cousas sobre a forma de vida, de marisqueo, de pesca, de construción marítima, de trebellos de pesca, etc que empregaron os nosos devanceiros que naquel mesmo e preciso lugar viviron. Por que a algúns parece molestarlles tanto a arquitectura que non transmite ou expresa modernidade? Cerramos paréntese.)

Agora invitámosvos a coñecer esta ruta dos castros de Vigo.

A maioría dos nosos castros sufriron a barbarie urbanística da intensiva ocupación do territorio vigués. Sobre eles construíronse urbanizacións (O Piricoto), colexios (castro do Sino en Teis), faraónicos complexos cívicos (Monte da Mina de Castrelos), e tanto outros con vivendas incontroladas por patrimonio que se foron construíndo sobre eles. A maior parte destas agresións foron realizadas na época actual, cando máis control e sensibilidade parece que debería haber. E digo por segunda vez “parece”, porque un xa non sabe en que crer.

A pesar de todos estes pesares, aínda temos en Vigo algún que outros castro que está sen escavar, que conserva baixo unha protectora capa de terra, mato e árbores todo o encanto do momento en que foi deshabitado. O día que o desenterremos atoparemos quizais outra marabilla coma os mellores castros que coñecemos polo territorio galego e galaico.

Pouco a pouco iremos publicando fotos e características descritivas dos nosos castros para que gocedes mellor das vosas visitas. Este é un labor ao que vos invitamos a colaborar. Cantos máis sexamos, máis contribuiremos a espallar o coñecemento do noso patrimonio.

Máis información sobre os castros e a cultura castrexa de Vigo.

Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro: ten un excelente Blog sobre a nosa arqueoloxía, entre outros.

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Podedes imprimir esta ruta ou descargala no voso navegador GPS e pasar uns bos momentos na descuberta interior dun concello que tantos desastres e tamén marabillas garda para nós neste noso territorio.