Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Mámoas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Estas mámoas están situadas nos lindeiros entre Vigo e Mos, dentro do Círculo Mercantil de Vigo.

Conforme entrades polo parque do Mercantil podedes recrearvos na única sobrevivente da incomprensíbel desfeita que sufriron estes enterramentos neolíticos que se atopaban dentro da propiedade (?) que este club privado ten nos límites entre Vigo e Mos.

Ao carón da mámoa que se conserva na entrada podedes observar numerosos chantos ciscados por diversos lugares ao seu arredor pertencentes a outras mámoas destruídas.

Se vos achegades ao campo de fútbol atoparedes o espectáculo denigrante e repulsivo que vos amosamos nestas fotos: unha serie de chantos, pertencentes a varias mámoas, acantoados ao pé do valado resultantes do arrasamento da zona para a construción do campo de xogo. E aínda permanecen alí tirados.

Descrición

a) restos esparexidos na entrada principal: á esquerda da entrada podedes ver varios chantos pertencentes a mámoas destruídas. Son de considerábel tamaño e están esparexidos sobre a herba, empregados como decoración pétrea. A beleza destes megálitos leva a que a pesar da súa destrución poidan ser reutilizalos como decoración de xardín. Podedes atopar varios grupos de chantos en diferentes sitios: á esquerda e á dereita da mámoa conservada na entrada; nunha esquina do aparcadoiro hai outro gran chanto illado; preto do campo de fútbol hai máis chantos ciscados…

b) restos dun dolmen detrás da portería do campo de fútbol: son sete chantos amoreados, o número habitual dunha mámoa completa. Están cubertos de herba e espallados en ringleira. Podedes velos tranquilamente se ides por fóra do recinto á beira dos chalés (esa é outra: cantas mámoas arrasaron os chalés alí construídos?).

c) restos doutro dolmen no campo de fútbol de terra: son outros sete chantos en ringleira apegados ao valado metálico. A imaxe é patética e esperpéntica: un campo de terra aberto que parece resultar máis importante ca a posta en valor destas mámoas para o paseo, lecer e aprendizaxe da nosa historia e arte ao aire libre para as persoas visitantes e usuarias deste club privado.

Valoración final

En canto ao acantoamento dos restos mortais destes fermosísimos legados megalíticos da nosa antigüidade e a vergoñenta intervención por parte de todos os que permitiron que isto ocorrese e que aínda se manteña, podemos apuntar, cando menos, que no sur de Ourense, no val do Salas, no concello de Muíños –moi preto do Couto Mixto-, cando se construíu o encoro actual tiveron cando menos a sensibilidade de volver a reconstruír dous dolmens nunha zona máis elevada (a Casola do Foxo e a Casiña da Moura), que hoxe son un dos principais atractivos históricos da zona.

Cando se construíu o cemiterio privado de Candeán, unha mámoa que quedaba dentro do recinto (Mámoa IV da Chan dos Touciños) foi conservada e mesmo destacada dentro do conxunto. Hoxe en día o cartel publicitario deste cemiterio leva como emblema o debuxo dun dolmen. Outro intento de restitución dunha destrución de dúas mámoas témolo tamén no límite Vigo e Mos: as mámoas 3 e 4 do Rebullón, destruídas pola construción das autoestradas de Baiona e Tui e que hoxe se poden ver reconstruídas nun centro cultural.

Que administración permitiu que se cometese a barbaridade que aínda hoxe se amosa descaradamente á vista no recinto do Mercantil? E mencionamos directamente as administracións porque son as principais responsábeis de que isto non poida ocorrer (concello de Mos e Delegación Provincial de Cultura).

A ignorancia de non saber facer convivir o progreso e a presión de usos privados da natureza coa conservación do noso patrimonio histórico máis antigo leva incluso que se poida exhibir tranquilamente na actualidade a barbarie do delito cometido no seu momento.

É necesario que se produza agora unha adecuada intervención da administración que preserve cando menos con dignidade os restos das numerosas mámoas que se aniquilaron neste lugar e que están tiradas e amoreadas de calquera maneira por distintos lugares deste recinto.

A vergonza e indignación que produce o espectáculo do estado actual de conservación dos chantos que aínda sobreviven clama ao ceo.

As imaxes que hoxe ofrecemos neste artigo tráennos á memoria unha frase pronunciada por don Isaac Díaz Pardo ao final dun dos seus elocuentes e aleccionadores discursos: “Que marabilla de país, pero que carallada de xente”.

Máis información

Podedes acceder a unha galería de imaxes.

1 comentario

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.