Localización
Está nun largo da rúa “Subida ás Ánimas”. Podemos chegar a el tanto dende a avenida do aeroporto coma dende o barrio de Sampaio.
Cando chegamos ao largo que forma a rúa, atoparémolo na parede dunha vivenda.
Realmente desilusiona velo rodeado de elementos tan pouco atractivos ao seu carón. Coma todos os demais, carece de calquera sinalización (menos mal que conserva o topónimo do nome da rúa) ou letreiro explicativo.
Descrición
É un peto de ánimas aberto, sen protección nin fornelo.
Non está policromado na actualidade.
É de estilo franciscano, tal como evidencian tanto o cordón que o bordea (cfr. Peto de ánimas de Comesaña), coma a inscrición: “FRANCISCO SIMON”, que pode ser o seu patrocinador. A data tamén aparece inscrita: “1903″
A diferenza da maioría dos petos, este de Sampaio está exento de figuras divinas.
Só está coroado por unha cruz sobre unha bóla (cfr. Peto de ánimas de Teis).
Está presidido por un anxo do que só destacan a cabeza e as ás.
E hai representados seis personaxes: os centrais son os do cura e o bispo, dous personaxes relixiosos destacados con moita significación.
Están rodeados por dúas mulleres con trenzas longas ao seu lado (cfr. Peto de ánimas de San Xoán do Monte, moi preto deste).
Máis información
Ruta dos petos de ánimas de Vigo
Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.