Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta é unha mámoa que está situada á beira do camiño asfaltado que comunica o parque forestal do Vixiador co monte Mirallo, tamén coñecido como monte Penide, na parroquia de Cabeiro en Redondela. É a vía directa dende o Vixiador para dirixirnos a visitar a Mámoa do Rei e o conxunto tumular que a arrodea.

Realmente, cando paseamos por estes lugares, estamos visitando o maior “parque arqueolóxico” de Galiza. O conxunto formado polos montes de Candeán e Cabral en Vigo e os montes das parroquias de Cabeiro, Trasmañó, Negros e Cedeira en Redondela comprenden máis de noventa mámoas, ao redor dunha vintena de estacións de gravados rupestres e catro castros. Un percorrido por máis de cinco mil anos de historia, todo no mesmo lugar xeográfico, comprendendo os tres principais períodos: Neolítico, Idade do Bronce e Idade do Ferro. O proxecto do parque arqueolóxico xa está creado e é grandioso e ambicioso. Só falta que as administracións se curen da miopía na que viven. Esta é unha tarefa á que invitamos a participar a todas aquelas persoas que se apunten para crearmos entre todos un blog específico que dea a coñecer as marabillas e riqueza patrimonial deste conxunto arqueolóxico. Un blog colectivo elaborado entre todas aquelas persoas que temos inquedanza polo noso patrimonio e queiramos unir esforzos. Unha descrición máis detallada de proposta de parque arqueolóxico para estes montes podedes lela no blog do arqueólogo Hidalgo Cuñarro.

Descrición

A mámoa que nos ocupa nesta ocasión pasa desapercibida para quen non a coñeza, e son moitas as persoas que pasan decote ao seu lado. Ten uns once metros de diámetro e aproximadamente un metro e medio de altura. Está rodeada de maleza e en mal estado de conservación. O principal perigo desta mámoa e de tantas outras é o traballo forestal que se realiza ao seu arredor. Tractores con rozadoras que soben e baixan por elas debido á falta de protección e indicación, talas ou plantacións de árbores nos propios túmulos, todo tipo de vehículos pesados que realizan labores forestais pasando por riba das mámoas… e continúan aí despois de seis mil anos.

A pesar da maleza e árbores que a ocupan, pódese observar o cono central con varios chantos que aínda se conservan.

Aínda que esta mámoa xa non está dentro do concello de Vigo, senón de Redondela, a súa proximidade á Mámoa 1 do Vixiador e ao propio parque recomenda a súa inclusión neste percorrido neolítico polos montes de Candeán.

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.