Podemos vela ao carón do cemiterio privado de Candeán; demasiado preto do seu valado de cerramento. Forma parte do conxunto dos catro túmulos que existen neste lugar arqueolóxico denominado Chan dos Touciños.
Descrición
É unha das mámoas máis grandes que conservamos en Vigo. Mide 20×22 m de diámetro nos dous eixos principais. Ten uns 2 m de altura. Precisamente é na altura nun dos aspectos nos que máis destaca con respecto aos demais túmulos que hai no concello. O cono central ten uns 11 m de diámetro, no que conserva algún dos chantos da cámara.
Estado de conservación
Estivo a piques de desaparecer debido ás obras que se realizaron ao seu arredor; de feito, perdeu unha boa parte do túmulo na zona que está máis apegada ao valado do cemiterio. Daba mágoa observar o tremendo corte, a incomprensíbel mutilación á que foi sometida, sen control ningún por parte de ningunha das administracións. Isto produciuse a finais dos anos noventa do pasado século, cando a construción do cemiterio. na foto aérea que tendes no enlace «situación» pódese apreciar claramente este corte.
Dentro do camposanto tamén podemos ver os restos da mámoa IV da Chan dos Touciños, que foi incorporada dentro da obra, mais da que apenas queda a súa presenza manifesta, coma unha expresión de protesta polos centos de anos de agresión que tivo que soportar ata a súa testemuñal conservación na actualidade.
O túmulo que nos ocupa tivo que ser reconstruído no anaco que lle foi cortado. Con todo esta intervención valeu para aprender algo máis sobre a súa construción e as técnicas e materiais que empregaron para erixilo. Cando vos acheguedes poderedes decatarvos da gran cantidade de pedra que conserva por toda a superficie do túmulo aínda na actualidade.
Sábese, e así o explica o letreiro que ten ao seu pé, que logo de asentar os chantos empregaron dous tipos de terra diferentes, con distintas consistencias, para ocultar os ortostatos, e logo recuberta cunha capa de pedras.
Valoración final
Sería ideal poder afirmar que agresións deste tipo non volverán a ocorrer nunca máis, pero cando observamos ao noso arredor non podemos menos ca preguntarnos cando rematará esta sangría. Lembremos exemplos coma as mámoas do Mercantil (mirade nas fotos onde están aínda as pedras arrombadas –faranas desaparecer sen máis logo desta publicación?), ou as que foron afectadas pola construción da autoestrada de Puxeiros a Tui, amoreadas en terra de ninguén (probade a preguntar se son de Vigo ou de Mos).
Pero se nin tan sequera a única mámoa que temos en terreo municipal, a “Casa dos Mouros” en Candeán, conta aínda con ningún tipo de posta en valor didáctico ou histórico ou arqueolóxico, máis ca entrar dentro da Ruta das Mámoas de Candeán, illada nunha desesperante e desesperanzadora desolación e soidade, sen que ningunha adminsitración –principalmente a municipal- se poña a traballar seriamente neste labor.
Máis información
- Galería de imaxes
- Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).
- Amigos do arqueolóxico. Megálitos de Pontevedra. (con debuxo esquemático).
Ruta das mámoas de Candeán