Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden.

Por outra parte, ao igual que a mámoa nº 1 e mámoa nº 4 deste conxunto, está situada aproveitando un pronunciamento ao bordo do desnivel do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.

Descrición

Mide 16 m de diámetro N-S e 16 m no diámetro L-O. A altura do túmulo sobresae apenas 70 cm da superficie do terreo.

O túmulo aparece bastante arrasado en xeral e no seu interior presenta o característico cono de espolización.

Dentro do cono de espoliación permanecen tres ortóstatos que chegan ata os 80 cm de altura sobre a superficie do terreo.

Estado de conservación

O túmulo consérvase en moi mal estado, cunha importante perda de masa tumular que case o fai irrecoñecíbel. Ao aproximarse á mámoa distínguese o característico cono de espoliación, e, dentro del, o que máis destaca neste caso son os tres ortóstatos que aínda se conservan.

Valoración final

O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado  Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.

Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.

Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.

Máis información

Galería de imaxes

Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas

Diario da Universidade de Vigo

Paleorama en Red

Arqueo-CUVI

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.