Patrimonio cultural de Vigo

As Xunqueiras

Mámoa das Xunqueiras 2 (Zamáns)

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden, aínda que o filólogo Iván Sestai recolleu especificamente o topónimo A Chan para este lugar.

Por outra parte, ao igual que a mámoa nº 1 e mámoa nº 4 deste conxunto, está situada aproveitando un pronunciamento ao bordo do desnivel do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.

Descrición

Mide 16 m de diámetro N-S e 16 m no diámetro L-O. A altura do túmulo sobresae apenas 70 cm da superficie do terreo.

O túmulo aparece bastante arrasado en xeral e no seu interior presenta o característico cono de espolización.

Dentro do cono de espoliación permanecen tres ortóstatos que chegan ata os 80 cm de altura sobre a superficie do terreo.

Estado de conservación

O túmulo consérvase en moi mal estado, cunha importante perda de masa tumular que case o fai irrecoñecíbel. Ao aproximarse á mámoa distínguese o característico cono de espoliación, e, dentro del, o que máis destaca neste caso son os tres ortóstatos que aínda se conservan.

Actualización 2025

En 2025, o arqueólogo Javier Chao dirixiu unha escavación, patrocinada pola Consellaría de Cultura e a Universidade de Vigo, que puxo ao descuberto unha parte da mámoa e afondou uns sesenta centímetros ao redor dos chantos da cámara central. Nesta prospección verificouse que estaba formado por tres ortóstatos rodeados por lousas fracturadas e os calzos que as suxeitan e non presentaba corredor.

Tamén se comprobou que o volume da mámoa estaba formado por terra arxilosa avermellada.

A prospección da masa tumular desvelou a presenza anel periférico formado por un círculo de pequenas pedras, na súa maioría conservando a posición inicial e algunhas inclinadas cara a fóra e outras cara a dentro.

No interior da mámoa, preto da cámara central, apareceu un conxunto de pequenas pedras que poderían corresponder a un cinto interior. Conformando en conxunto un dobre anel protector  formado por pequenas pedras fincadas.

Non se atoparon restos de pinturas en ningún dos ortóstatos.

Máis información

Galería de imaxes

Diario da Universidade de Vigo

Mámoa das Xunqueiras 3 (Zamáns)

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden.

Á vista dos mapas de curvas de nivel, das catro mámoas deste conxunto, esta está situada aproveitando unha pequena cota do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores, como é o caso da que nos ocupa neste artigo, ou recantos ao bordo de desniveis de terreo.

Descrición

Mide 19 m de diámetro N-S e 18 m no diámetro L-O. A altura do túmulo elévase ata 1,65 m sobre da superficie do terreo, unha altura considerábel con respecto á maioría das mámoas existentes no noso concello.

Por outra banda, o feito de estar situada sobre unha pequena cota de altura do terreo semella aparentala máis alta, o que fai dela unha mámoa bastante prominente na paisaxe deste lugar.

Espallados polo túmulo poden verse numerosos cachotes que poden formar parte da coiraza característica de moitas mámoas.

A escavación de setembro de 2026 documentou un ortóstato fragmentado no seu emprazamento orixinal, ademais das marcas de asentamento doutras chantas da cámara.

Está situada moi preto da mámoa nº 4 deste conxunto, e as dúas xuntas forman unha singular parella que destaca polo lugar que cada unha delas ocupa no terreo. No caso desta que nos ocupa, está situada nunha cota de altura, o que a fai destacar moito máis, e a súa parella encrávase no bordo do nesnivel do terreo.

Estado de conservación

Despois da intervención de posta en valor por parte da Universidade de Vigo, a súa superficie tumular quedou limpa de maleza, aínda que conserva algúnhas árbores pequenas sobre a masa tumular que non foron retiradas.

É de salientar que chagase ata nós con esta considerábel cantidade de masa túmular, a pesar de non conservar xa ningún dos seus ortóstatos. Quizabes facilitou a súa conservación tumular o feito de atoparse sobre unha cota do terreo e non nunha zona achairada.

Valoración final

O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado  Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.

Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.

Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.

A escavación arqueolóxica de setembro de 2026

En setembro de 2026 realizouse unha escavación arqueolóxica na Mámoa das Xunqueiras 3 que permitiu coñecer mellor a súa estrutura funeraria e a profunda alteración que sufriu despois da súa construción. A intervención estivo dirixida polo arqueólogo Javier Chao, baixo a coordinación de Beatriz Comendador, profesora da Universidade de Vigo, e contou coa participación de alumnado da universidade.

Os traballos achegaron novas evidencias sobre a cámara funeraria, documentaron unha gran trincheira que atravesaba o túmulo e permitiron localizar un fragmento de pedra con cinco coviñas gravadas.

A alteración do túmulo

A escavación revelou que a alteración do monumento era máis extensa do que permitía apreciar a depresión visible na súa superficie. Documentouse unha trincheira ampla e profunda que atravesaba a mámoa de lado a lado e que, despois de ser aberta, foi novamente enchida con terra.

O estudo das capas do terreo permitiu diferenciar os depósitos orixinais do túmulo das terras máis escuras e remexidas empregadas para cubrir aquela abertura. Esta distinción resulta fundamental para recoñecer que partes pertencen á construción prehistórica e cales son consecuencia de actuacións posteriores.

A intervención que causou esta alteración puido producirse entre os séculos XVI e XVII, aínda que non se dispón dunha datación precisa. Tampouco está determinada a súa finalidade: podería responder a un espolio ou a unha tentativa de explorar o interior do monumento.

Non se recuperaron cerámicas, útiles nin outros obxectos atribuíbles ao enxoval funerario. Entre os materiais do recheo apareceu un fragmento de tella de época moderna, situado baixo unha pedra, que por si só non permite establecer cando se abriu a trincheira.

Os vestixios da cámara funeraria

Aínda que non se localizaron ortóstatos completos na súa posición orixinal, documentouse un fragmentado no propio lugar. Os ortóstatos son as grandes chantas que conformaban as paredes da cámara funeraria.

Para reconstruír a súa disposición, o equipo estudou os buratos nos que se asentaban estas pedras e as marcas que deixaron no terreo. As evidencias permiten propoñer unha cámara de planta poligonal, sen corredor de acceso identificado e posiblemente cunha entrada pola parte superior. Esta reconstrución debe entenderse como unha hipótese arqueolóxica, pendente de confirmación.

Tamén se observou unha conservación desigual a ambos os lados da trincheira: nun dos perfís permanecían restos das chantas e do terreo asociado á cámara, mentres que no oposto non se recoñecían vestixios equivalentes. Esta diferenza podería estar relacionada coas alteracións sufridas polo monumento.

Unha pedra con cinco coviñas

Un dos achados máis destacados foi un fragmento de pedra duns 20 × 20 centímetros, de forma irregular e cunha cara relativamente plana na que se identificaron cinco coviñas ou cazoletas.

Estas pequenas concavidades circulares presentan perfís regulares e parecen realizadas mediante percusión e abrasión. A súa presenza introduce un novo elemento para estudar as manifestacións gráficas vinculadas ao xacemento.

O significado das coviñas e a súa relación concreta coa cámara funeraria permanecen abertos á investigación. O achado dentro da mámoa non permite, por si só, atribuírlles unha función ritual determinada nin asegurar que fosen gravadas no momento da construción do monumento.

A rocha do lugar

A mámoa aséntase sobre un substrato de gneis de biotita, unha rocha metamórfica presente na contorna. A súa tendencia a fracturarse en placas ou bloques planos puido facilitar a obtención das chantas da cámara funeraria. Esta posibilidade apunta ao aproveitamento de materiais próximos, aínda que a procedencia concreta das pedras require comprobación.

Máis información

Galería de imaxes

Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas

Diario da Universidade de Vigo

Paleorama en Red

Arqueo-CUVI

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa das Xunqueiras 4 (Zamáns)

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden.

Das catro mámoas deste conxunto, é a que ocupa o punto máis baixo do terreo en suave pendente.

Por outra parte, ao igual que a mámoa nº 1 deste conxunto, está situada aproveitando un pronunciamento ao bordo do desnivel do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.

Descrición

Mide 15 m de diámetro N-S e 14 m no diámetro L-O. A altura do túmulo sobresae apenas 60 cm da superficie do terreo, mais o feito de estar situada ao bordo dunha caída do terreo semella aparentala máis alta.

Cara ao oeste, o túmulo aparece cortado e no seu interior presenta o característico cono de espolización.

No seu interior só permanece un ortóstato enterrado do que sae ao exterior un anaco de 10 cm de altura sobre o terreo.

Espallados polo túmulo poden verse numerosos cachotes que poden formar parte da coiraza característica de moitas mámoas.

Está situado ao carón da maior das mámoas deste conxunto, e as dúas xuntas forman unha singular parella que destaca polo lugar que cada unha delas ocupa no terreo. No caso desta que nos ocupa, está situada no bordo do nesnivel do terreo e a súa parella encrávase nunha cota de altura, o que a fai destacar moito máis.

Estado de conservación

Despois da intervención de posta en valor por parte da Universidade de Vigo, a súa superficie tumular quedou limpa de árbores e maleza.

A conservación chegou ata nós baixo mínimos, cunha importante perda de masa tumular e o corte de terra que lle practivaron cara ao oeste.

Valoración final

O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado  Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.

Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.

Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.

Máis información

Galería de imaxes

Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas

Diario da Universidade de Vigo

Paleorama en Red

Arqueo-CUVI

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Mámoa das Xunqueiras 1 (Zamáns)

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden..

Das catro mámoas deste conxunto, é a que ocupa o punto máis elevado do terreo en suave pendente, aproveitando un pronunciamento do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.

Descrición

Mide 16 m de diámetro N-S e 18 m no diámetro L-O. A altura do túmulo chega aos 1,10 m.

Cara ao leste, o túmulo aparece rebaixado e no seu interior presenta o característico cono de espolización. Non se aprecia a existencia de chantos no seu interior.

Sobre o túmulo existen varios carballos aínda pequenos.

Estado de conservación

Fóra do que son os carballos existentes sobre o túmulo, que deberían ser sacados agora que aínda son pequenos, e a espoliación histórica á que foi sometida, a mámoa non presenta outro tipo de agresións na actualidade, máis que a proximidade dun poste de liña eléctrica nas súas inmediacións.

Valoración final

O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado  Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.

Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.

Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.

Máis información

Galería de imaxes

Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas

Diario da Universidade de Vigo

Paleorama en Red

Arqueo-CUVI

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

/pa href=»https://picasaweb.google.com/107741656264330036429/MamoaDasXunqueiras1Zamans#slideshow/» target=»_blank»