Localización
O petróglifo de Fragoselo tamén chamado “Pedra Moura” está situado nos montes de Coruxo, nun lugar que forma parte da maior concentración de gravados rupestres do concello de Vigo.
Chégase a esta laxe doadamente dende a ermida de San Sebastián. Hai dous paneis indicadores á entrada do camiño que nos conduce ata a “Pedra Moura”. Alí atoparemos un cerrado que, na súa parte superior, vese claramente que está construído sobre a rocha dos gravados.
É moi importante decatarse que estamos ante unha de arte da prehistoria, unha obra de arte gravada na pedra, que ten máis de catro mil anos de antigüidade. Non debemos pisala en ningún caso, xa que sería o mesmo ca estar pisando un Picasso ou calquera outra obra artística de incalculable valor que imaxinemos.
Esquerda, zona inferior da rocha – Dereita, zona superior da rocha
Descrición
Esta rocha mide 10,5m x 4,5m, e presenta unha lixeira caída cara ao sur. Trátase do maior conxunto de gravados rupestres sobre unha rocha que hai en todo Vigo, e fai dela, ao mesmo tempo, o máis importante dos testemuños da Idade do Bronce que chegou ata nós no concello de Vigo.
Na imaxe do panel informativo, a zona superior da rocha é a que está situada á dereita.
É importante ir a unha hora do día en que o sol permita ver sensibelmente ben as figuras, xa que as árbores proxectan a súa sombra e impiden unha observación adecuada. As imaxes desta publicación foron tomadas cerca das oito da tarde do solsticio de verán. A posición extrema de máximo desprazamento cara ao norte do sol nestas datas permite esquivar a maioría das sombras das árbores.
A parte superior da rocha e primeira que atopamos na visita está moi desgastada e percíbense con dificultade algunha representacións circulares e numerosas coviñas.
A Pedra Moura vista desde a zona superior
Figuras: Toda a rocha está ateigada de gravados nos que se aprecian unha gran cantidade de combinacións circulares, cazoletas, coviñas e mesmo o que se interpreta como oito pares de pegadas de zoomorfo.
Zona superior da rocha
A figura que máis destacada e que mellor se observa nesta estación de arte rupestre é a gran representación de círculos concéntricos que mide 124 cm de diámetro, con seis circos concéntricos e unha gran cruz inscrita no centro.
Tamén é de salientar o suco serpeante que percorre a rocha polo centro en sentido lonxitudinal, que actúa como canle distribuidora das figuras a ambos os lados.
Lendas
Outro aspecto importante deste lugar arqueolóxico é a existencia de lendas ao redor da pedra gravada. Entre as variantes que se poden escoitar, o denominador común é a presenza de tesouros, mouras e serpes común a moitos outros lugares arqueolóxicos de toda Galiza. De feito, que se lle chame “Pedra Moura” xa nos dá referencia da característica etnográfica deste lugar. Esta lenda podedes lela no libro Arte rupestre nos montes do Maúxo, publicado polo museo de Castrelos.
Logo do enorme traballo de recollida arqueolóxica feito no noso territorio, agora queda por facer unha exhaustiva recollida do patrimonio inmaterial: o mundo das lendas, do animismo, dos seres máxicos galaicos.
Reproducimos aquí a lenda da moura que está asociada a este conxunto de gravados rupestres, publicada no traballo de María Alonso Alonso titulado «De mouras, tártalos e acompañamentos: un estudo da tradición oral da parroquia de Coruxo (Vigo)»:
«As lendas que aparecen no corpus do estudo relacionado coa parroquia de Coruxo teñen principalmente como protagonista unha personaxe feminina ou moura que normalmente se caracteriza pola súa enorme fermosura e que aparece ao amencer ou ao crepúsculo peiteando a súa longa melena rubia cun peite dourado. En Coruxo, a moura está constantemente relacionada con dúas diferentes localizacións específicas: A Pedra Moura e O Penedo da Moura. Aprimeira atópase na Devesa, na zona alta de Fragoselo, lugar ben coñecido polos petróglifos que esconde e que se poden ver ao redor da Pedra Moura e deron pé á construción dun valado protector xa que, ata hai pouco, estes petróglifos atopábanse nun lamentable estado de abandono.
Lateral esquerdo, figuras principais de círculos concéntricos
O segundo referente é un monólito de granito dun tamaño relativamente grande e redondeado que coma o anterior ten un petróglifo pero neste caso na súa superficie. Atópase na zona coñecida coma Pedra Longa, tamén en Fragoselo. Débese destacar o feito de que a gran maioría das lendas referidas ás mouras en Coruxo teñen como referencia topográfica a zona de Fragoselo xa que é a máis próxima ao monte e aos numerosos restos arqueolóxicos da vila.
Despois de analizar as diferentes lendas relacionadas coas mouras no corpus, pódense destacar unha serie de características en común. Normalmente aparecen para peitear a súa longa melena rubia coas primeiras luces do día saíndo do penedo que é o lugar no que están enfeitizadas. Considéranse presas dun feitizo que as teñen condenadas a vivir no penedo como gardas de incribles tesouros e soamente un varón virxe pode liberalas. De feito, dise que o mozo que pase a proba e libere a moura será premiado co ouro que está agochado dentro do penedo.
Lateral esquerdo, figura principal
Tendo en conta algunhas das lendas, parece ser que o proceso para romper o encantamento é o seguinte: despois de que o mozo acorda coa moura a axuda, ela volve introducirse no penedo para saír convertida en serpe; a continuación, a serpe sobe enroscándose polas pernas do mozo ata chegar á súa cabeza e pon un caravel vermello no seu bico; a única condición que debe cumprir o mozo é a de non mencionar nunca a Deus xa que en caso contrario o encantamento duplicaríase e a moura quedaría condenada a vivir dentro do penedo para sempre. Son varias as historias recollidas no corpus que fan referencia a este proceso de desencantamento pero en ningunha destas o mozo é capaz de completar o seu labor sen gritar o nome de Deus en canto sente a serpe subirlle polo corpo. Estas historias rematan coa moura entrando no penedo en forma de serpe e desaparecendo para sempre».
Visa desde a zona inferior da rocha
Estado de conservación
A pesar da intervención levada a cabo para a sinalización e do cerrado, máis ou menos acertado, realizado ao se redor, a verdade é que o deterioro desta rocha é palpable; tanto que apenas se notan a metade dos gravados que aparecen representados en diversos debuxos que podemos atopar en publicacións. Cómpre acometer unha intervención que impida o paulatino e acelerado proceso de desaparición dos gravados, tanto desta rocha coma das demais existentes.
Tamén se botan de menos uns paneis in situ con debuxos explicativos das distintas figuracións, para impedir que as persoas visitantes remarquen desaprensivamente os gravados con pedras, xices ou anacos de tella. Sinalizar excesivamente un lugar arqueolóxico para despois deixalo abandonado á súa sorte é imprudente e irresponsábel.
Zona inferior da rocha desde o lateral esquerdo
Do mesmo xeito que existe un equipo de traballadores dedicado á conservación de parques e xardíns da cidade, debería existir tamén outro dedicado diariamente ao mantemento destes lugares arqueolóxicos máis relevantes e sinalizados.
De igual meneira que xa se pode ver noutros lugares de Galicia coma Mogor ou a Caeira, aquí é necesario que se constrúa unha pasarela ao redor da rocha, con paneis explicativos e debuxos que conciencien os visitantes de que non se deben pisar os gravados.
Máis información
J.M. Hidalgo Cuñarro, Vigo arqueológico.
Concello de Vigo, Catálogo do PXOM.
Zona inferior da rocha
María Alonso Alonso, De mouras tártalos e acompañamentos. Un estudo da tradición oral da parroquia de Coruxo.pdf, Universidade de Vigo, 2011.
Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vigo, A lenda da Moura, (vídeo youtube)
Navegadores GPS
Ruta dos petróglifos de Coruxo