Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro está situado no conxunto de gravados do monte de Fragoselo, onde están situados outros petróglifos importantes coma Castiñeirón, Presa das Rodas, O Pontón, Leixiades, Lapa Furada ou o grupo de Viveiro. Este en particular está moi próximo a Presa das Rodas, introducíndose por un camiño que hai a continuación destes gravados, atoparemos a laxe cun indicador..

Descrición

Trátase dunha rocha de 2,80 x 0,70 m. Sobre ela podemos distinguir numerosas coviñas. Unha desta coviñas situada no centro da laxe está conectada cun suco que percorre a pedra nunha lonxitude de 1,20 m, describindo unha lixeira curva.

As coviñas son de diferentes tamaños, chegando algunha delas aos 10 cm de diámetro. Non teñen unha organización precisa, aínda que se observa unha distribución en canto á concentración de coviñas máis anchas (no centro da rocha) e outras máis pequenas (do centro cara a un extremo).

Estado de conservación

Tal como pode observarse nas fotos, o lugar está bastante descoidado e falto de limpeza. Claro que deixar esta rocha ao descuberto sen máis, tamén sería dunha grande irresponsabilidade polo perigo de inmediata agresión que sufriría.

Valoración final

Como resultado da concentración de once rochas con gravados que hai próximas entre si neste monte en concreto, poderíase crear facilmente un pequeno itinerario por este lugar coas oportunas indicacións tanto para a súa posta en valor como para a súa conservación. É necesario un continuo labor didáctico in situ que ensine aos visitantes o comportamento adecuado ante este patrimonio milenario que reside entre o patrimonio natural dos nosos montes, ao tempo que se pode ensinar a forma de vida e referencias culturais dos habitantes da idade do bronce no noso territorio.

Galería de imaxes

Podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa destes gravados.

Máis información

Concello de Vigo, Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Galería de imaxes

Podedes acceder a unha galería de fotos máis completa destes gravados.

Vídeo do petróglifo As Presas

Navegadores GPS

 

Ruta dos petróglifos de Coruxo

1 comentario

  1. […] Situación: podemos atopalo, con certa dificultade, próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas. […]

    Pingback by Petróglifo das Leixiades 1 / O Pontón (Coruxo) « Patrimonio cultural de Vigo — 11 julio, 2008 @ 22:44

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.