Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Situación

(Ver en Google Maps)

Está moi próxima á asociación veciñal de Candeán, perfectamente sinalizada e a uns trinta metros do camiño que marca a Ruta das Mámoas de Candeán. A súa situación elevada con respecto ao camiño, na baixada do monte, permite unha boa apreciación xa dende a distancia.

Descrición

Esta mámoa mide uns 19 m de diámetro e 1,25 m de altura. Presenta un gran cono no seu interior, na parte central do túmulo. Non conserva ningún ortóstato no seu interior, o que quere dicir que esta mámoa foi espoliada completamente; primeiro, seguramente, para buscar obxectos de valor no seu interior –coma na maioría destes túmulos-; máis tarde para levarlle os chantos de cara a un aproveitamento en cerramentos ou calquera outro uso.

Moi preto da mámoa hai unha gran rocha plana tirada que pode que formase parte do dolmen orixinal.

Estado de conservación

Este túmulo necesita un coidado en canto á proximidade de piñeiros que poidan danar coas súas raíces a súa estrutura e consistencia. Mostramos por adiantado o noso agradecemento á sensibilidade que a Comunidade de Montes de Candeán está mostrando na conservación de todas as mámoas que forman parte desta ruta arqueolóxica.

Esta mámoa aínda non foi escavada, e, polo tanto, descoñecemos o que pode agochar no seu interior, tanto na cámara funeraria coma no corredor de entrada.

Valoración final

Despexada de piñeiros ao seu arredor, ofrece unha fermosa visión da maxestosidade que estes túmulos lle conferían á paisaxe. Unha paisaxe que por primeira vez comezaba a ser transformada polo ser humano neolítico.

Pensemos que son as primeiras construcións monumentais e mesmo urbanísticas da nosa historia, da historia do ser humano no actual territorio galego.

Unha poboación que chegou a ser bastante numerosa dado o gran número de mámoas que existen aínda na actualidade e que son unha pequena parte das que realmente deberon existir e empregarse durante aqueles milleiros de anos (entre o V milenio e o II milenio antes da nosa era).

Actualización 2020

A descrición e imaxes precedentes non teñen nada que ver co que podedes ver á altura do mes de xullo do ano 2020.

A degradación deste lugar é completa, en todos os sentidos:

Xa non existe ningún dos paneis de información e de localización que vedes nas imaxes deste artigo.

A maleza invadiu todo este espazo na súa totalidade e non hai ningún tipo de limpeza nin conservación.

É imposible localizar neste momento onde se atopa a mámoa que podedes observar nas fotos de arriba e da galería de imaxes que vos comparto neste artigo.

Outro detalle que agrava o desleixo que sofre este monumento megalítico é o feito de atoparse ao carón da asociación veciñal de Candeán, un punto referente da parroquia a onde acoden numerosas persoas. É unha mágoa que tendo esta marabilla ao lado, testemuña das primeiras construcións humanas que existen en Galicia, con máis de seis mil anos de antigüidade, non se lle saque o proveito cultural e didáctico que merece e se teña no máis absoluto dos abandonos.

Urxe que a Administración local realice, o antes posible, unha recuperación e posta en valor cultural desta mámoa para evitar a súa irremediable desaparición.

Estas son as imaxes do mesmo lugar en xullo de 2020:

Mámoa Chan do LabradorMámoa Chan do Labrador

Máis información

Galería de imaxes

Ruta das mámoas de Candeán

 

IMG_20200628_174132Localización

(Ver en Google Maps)

Candeán é a parroquia que máis mámoas ten en Vigo. De feito hoxe en día xa podemos percorrer unha ruta preparada e sinalizada pola que podemos visitar e coñecer 14 túmulos funerarios do neolítico.

Esta mámoa pertencente ao conxunto tumular da Chan dos Touciños e está no barrio da Devesa, ao carón da canceira municipal e do cemiterio de Candeán.

Descrición

Esta en concreto distínguese polo ortóstato de cubrición do comezo do corredor que aínda conserva. Se observades con atención, moi preto del hai outra pedra de cubrición tirada no chan.

Tamén interesa salientar que esta mámoa conta con 9 ortóstatos da cámara e 2 do corredor, sobre as que está a pedra de cubrición á que aludimos.

En total esta mámoa ten uns 16 x 17 metros de diámetro e a súa altura é difícil de precisar debido á maleza que a cobre ao seu arredor.

Estado de conservación

Completamente abandonada; sobre todo chama a atención que conservando os ortóstatos da cámara e o comezo do corredor, con cubrición incluída, esta mámoa debería ser obxecto dunha especial posta en valor.

Temos que valorar o traballo de intervención que se está realizando nalgunhas das mámoas de Candeán, mais as administracións van demasiado lentas. Todo este patrimonio está deteriorándose a unha velocidade máis rápida do que se está intervindo para a súa conservación.

É unha mágoa que o que se conservou ata nós dende hai uns cinco mil anos, estea desaparecendo nos últimos tempos a unha velocidade tan grande. E temos os medios e recursos necesarios para impedilo, pero aí están agardando unha intervención, coma enfermos terminais, que para moitas quizais chegue demasiado tarde.

Máis información

Ruta das mámoas de CandeánGPS

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está situada ao carón do cemiterio particular de Candeán,  na Ruta das mámoas de Candeán, e forma parte do grupo da Chan dos Touciños integrado por catro mámoas situadas nas proximidades do cemiterio privado de Candeán. Das catro que forman este grupo é a menos visíbel por non estar á beira do camiño da ruta, mais é doada de atopar no propio lugar, a uns metros da Mámoa I.

O mellor acceso é dende a zona do cemiterio, onde atopamos un pequeno cartel cun carreiro ao seu pé que nos conduce directamente a ela.

Descrición

A mámoa ten 16 m (N/S) x 14 m (L/O). A altura aproximada é de 1,5 m.

Cámara: presenta en total 9 ortóstatos na actualidade. Ata hai poucos anos aínda presentaba a pedra da cuberta, hoxe desaparecida. Comprobádeo na foto da páxina web de Amigos do Arqueolóxico. Na actualidade, podemos contar, polo tanto, 7 chantos na cámara e 2 no corredor, polo menos visíbeis, aínda que no estudo realizado por patrimonio histórico do concello de Vigo, no que tamén figura a tapa, aparecen tres chantos no corredor.

Hai numerosas pedras pequenas soltas por todo o túmulo, principalmente perceptíbeis xunta o corredor, que quizais formasen parte da súa coiraza.

O interesante desta mámoa é observar o número de chantos que aínda conserva e na que podemos apreciar o inicio do corredor xunto coa súa orientación: sueste.

Estado de conservación

O exceso de vexetación e maleza que hai ao seu arredor dificulta un pouco a súa inmediata localización. Está bastante descoidada, sen ningunha limpeza. Con árbores que medran libremente sobre o túmulo. A única sinalización con que conta é o pequeno letreiro que hai no camiño principal.

Botamos de menos unha maior e máis adecuada información in situ sobre a verdadeira importancia desta mámoa, tanto pola súa conservación como polas características que acabamos de describir.

Se queremos promover unha Ruta das mámoas de Candeán, o menos que se pode facer por parte da Administración –principalmente a local- é realizar un labor de conservación e posta en valor á altura do que se quere transmitir ás persoas que realizan este percorrido. Dende logo, para atoparmos algunhas mámoas no estado en que están, mellor sería ter deixado o proxecto desta ruta para o momento en que realmente se faga ben. Agora mesmo, ante a falta de información e recomendacións sobre como visitar estes monumentos, calquera persoa pode tripar tranquilamente os túmulos e outro tipo de agresión que, co aumento de visitantes, só poden ir en detrimento da conservación deste patrimonio.

É necesario que fagamos unha correcta posta en valor do noso megalitismo, mais con toda a responsabilidade e despregue de medios por parte das entidades implicadas. Un simple letreiriño diante dunha mámoa, sen ningunha outra indicación de medidas de precaución por parte das persoas visitantes non garante en nada o seu futuro a medio ou longo prazo.

Valoración final

Esta é unha mámoa bastante completa en número de ortóstatos e representativa da configuración habitual destes megálitos. Conserva tamén bastante masa tumular, así como os típicos cachotes espallados polo túmulo pertencentes posibelmente á coiraza. Polo tanto consideramos que é un espléndido exemplar que pode servir de mostra e estudo do que os nosos devanceiros expresaron a través destas construcións.

Hai consideracións que, cando menos, podemos conxecturar acerca da posíbel visión e concepción da morte que os habitantes do neolítico podían ter naquel momento.

Lembremos que estas construcións, nalgúns casos ciclópeas para a tecnoloxía lítica da época, eran realizadas para ser “vistas e habitadas” polos mortos, xa que, logo da construción da cámara megalítica, era cuberta de terra quedando fóra da vista das persoas. Por outra parte, non nos consta que os habitantes do neolítico vivisen en construcións de pedra, o que lle dá moita máis importancia ao feito de que as “vivendas” dos mortos fosen realizadas con semellante esforzo.

É unha mágoa que desaparecese a pedra da cuberta, inexplicábel a estas alturas e despois de ter realizado a correspondente prospección oficial, seguramente por falta das oportunas precaucións por parte das entidades responsábeis da súa conservación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 Actualización 2020

Na visita realizada en xullo de 2020 foi imposible poder ver esta mámoa.

A pesar de estar indicada co correspondente carteliño, detrás del só hai unha inmensa matogueira impenetrable de maleza e arbustos que non deixan ver nada.

Este é o terceiro elemento da ruta das mámoas de Candeán que non podemos visitar debido á falta de conservación.

Este é un labor que lle corresponde á Administración local para poder realizar unha visita completa a todo o conxunto de mámoas que forman esta ruta.

A continuación tendes unhas imaxes do estado actual do lugar onde se atopa esta mámoa:

IMG_20200628_175447

 

Máis información

 

Ruta das mámoas de Candeán

Localización

(Ver en Google Maps)

Podemos vela ao carón do cemiterio privado de Candeán; demasiado preto do seu valado de cerramento. Forma parte do conxunto dos catro túmulos que existen neste lugar arqueolóxico denominado Chan dos Touciños.

Descrición

É unha das mámoas máis grandes que conservamos en Vigo. Mide 20×22 m de diámetro nos dous eixos principais. Ten uns 2 m de altura. Precisamente é na altura nun dos aspectos nos que máis destaca con respecto aos demais túmulos que hai no concello. O cono central ten uns 11 m de diámetro, no que conserva algún dos chantos da cámara.

Estado de conservación

Estivo a piques de desaparecer debido ás obras que se realizaron ao seu arredor; de feito, perdeu unha boa parte do túmulo na zona que está máis apegada ao valado do cemiterio. Daba mágoa observar o tremendo corte, a incomprensíbel mutilación á que foi sometida, sen control ningún por parte de ningunha das administracións. Isto produciuse a finais dos anos noventa do pasado século, cando a construción do cemiterio. na foto aérea que tendes no enlace «situación» pódese apreciar claramente este corte.

Dentro do camposanto tamén podemos ver os restos da mámoa IV da Chan dos Touciños, que foi incorporada dentro da obra, mais da que apenas queda a súa presenza manifesta, coma unha expresión de protesta polos centos de anos de agresión que tivo que soportar ata a súa testemuñal conservación na actualidade.

O túmulo que nos ocupa tivo que ser reconstruído no anaco que lle foi cortado. Con todo esta intervención valeu para aprender algo máis sobre a súa construción e as técnicas e materiais que empregaron para erixilo. Cando vos acheguedes poderedes decatarvos da gran cantidade de pedra que conserva por toda a superficie do túmulo aínda na actualidade.

Sábese, e así o explica o letreiro que ten ao seu pé, que logo de asentar os chantos empregaron dous tipos de terra diferentes, con distintas consistencias, para ocultar os ortostatos, e logo recuberta cunha capa de pedras.

Valoración final

Sería ideal poder afirmar que agresións deste tipo non volverán a ocorrer nunca máis, pero cando observamos ao noso arredor non podemos menos ca preguntarnos cando rematará esta sangría. Lembremos exemplos coma as mámoas do Mercantil (mirade nas fotos onde están aínda as pedras arrombadas –faranas desaparecer sen máis logo desta publicación?), ou as que foron afectadas pola construción da autoestrada de Puxeiros a Tui, amoreadas en terra de ninguén (probade a preguntar se son de Vigo ou de Mos).

Pero se nin tan sequera a única mámoa que temos en terreo municipal, a “Casa dos Mouros” en Candeán, conta aínda con ningún tipo de posta en valor didáctico ou histórico ou arqueolóxico, máis ca entrar dentro da Ruta das Mámoas de Candeán, illada nunha desesperante e desesperanzadora desolación e soidade, sen que ningunha adminsitración –principalmente a municipal- se poña a traballar seriamente neste labor.

Máis información

Ruta das mámoas de Candeán

 

Localización:

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está no interior do cemiterio privado de Candeán, nun lugar habilitado especialmente para a súa “conservación”. Forma parte do conxunto formado por catro mámoas denominado Chan dos Touciños.

Descrición:

O túmulo está moi alterado debido ás continuas agresións que sufriu.

Aínda se poden apreciar os seus 10 metros de diámetro e o medio metro de altura que conserva. Inicialmente tiña uns 11 ortóstatos, hoxe en día apenas podemos atopar 3 chantos xuntos no centro da mámoa, arrodeados doutras pedras de difícil asignación, mesturadas con outras claramente modernas. Espallados pola mámoa tamén poden apreciarse outros elementos que poden ser ortóstatos deste dolmen, mais que non se poden precisar con claridade.

Estado de conservación:

Por unha parte, lamentábel e penoso; por outra, menos mal que aínda está aí o que dela queda. Foi unha pena que se deixase estragar dende o principio, mesmo a punto de desaparecer, para despois facer un intento de posta en valor cos seus restos.

Valoración final:

Paradoxos da historia, estamos ante un cemiterio dentro doutro cemiterio. Podería parecer que os seres humanos escollemos os lugares dos modernos cemiterios por algunha reminiscencia dos antigos. A separación cronolóxica entrambos os dous é de máis de 5.000 anos. Pensemos que o actual é un cemiterio que data dos anos noventa; polo tanto, moi recente. Cunha lei de conservación do patrimonio en vigor, con gobernos democráticos no Concello, cunha serie de recursos legais e de vixilancia e control que permitirían que se evitase todo o dano que se produciu neste conxunto arqueolóxico (hai unha inmensa mámoa, Chan dos Touciños 3, apegada ao exterior do recinto que foi gravemente mutilada) e non se fixo nada.

 

E non obstante hai que dicir que é unha sorte que aínda poidamos conservala na actualidade. A pesar da inadecuada situación deste cemiterio, nunha zona de alta sensibilidade arqueolóxica, os seus promotores conscientes da súa relevancia histórica, reservaron un lugar dentro do recinto para a súa conservación. Dispúxose un deseño estrelado de pequenos vieiros de grava que converxen na mámoa dende distintos lugares e mantéñena limpa de maleza.

O estrago sufrido por esta tumba neolítica é case irrecuperábel. Agardemos que unha merecida prospección sirva par unha posta en valor e coñecemento das súas características iniciais.

Galería de imaxes:

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información na Web:

 

Ruta das mámoas de Candeán

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Do grupo que forman as cinco rochas do Viveiro este é o máis afastado do conxunto, podemos chegar a el baixando pola pista que vai ao petróglifo da Lapa Furada. A rocha atoparémola sobresaínte no bordo da vertente.

(Ver en Google Maps)

Descrición

Na rocha aprécianse oito coviñas enriba, aínda ben visíbeis, nunha superficie de 1,40 x 0,60 m.

Estado de conservación

Onde está situado fixeron unha corta e os eucaliptos comezan a medrar, o que provoca que desde a pista non se mire esta rocha. Por outra parte, un pouco máis arriba da rocha deixaron amoreado todos os restos da corta. Cabe sinalar que se este amontoamento de troncos se chega a facer un pouco máis abaixo, taparían a rocha. Queremos supoñer que os responsábeis destas árbores coñecen a situación destes xacementos arqueolóxicos.

Valoración final

Ten unhas boas vistas á ría e á cidade, que en canto medren as árbores desaparecerá.

Hai que poñer en evidencia que o día que se fixeron estas fotos baixaban por esa pista camións formigoneiras para unha obra que están facendo máis abaixo, nas ultimas casas que hai antes do monte. Salientamos este feito e a súa gravidade por canto en vez de acceder pola parte inferior á obra, os camións soben ata a capela de San Sebastián, seguen pola pista cara a Oia e logo baixan pola pista que vai a Lapa Furada; a continuación pasa polo Viveiro V e van dar ás casas do barrio de Burdés.

O caso é que, coas fochas da pista, os camións van deixando regueiros de formigón polo camiño. Unha cousa que sempre nos chamou a atención é que non importa o afastados das pistas e sendeiros que nos atopemos, incluso estando no máis mesto do bosque, sempre atopamos lixo por onde vaiamos: latas de refrescos, bolsas plásticas, botellas, latas de aceites dos que traballan con maquinarias, rodas, colchóns restos de electrodomésticos etc.

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM

Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

Arquivado en: Mámoas — Xosé Couñago

Fotografías: Angel de Prado.

Localización

(Ver en Google Maps)

Os restos destas mámoas estaban situados no límite entre Vigo e Mos. As fotos que vos mostramos falan por si mesmas do lugar e contexto urbanístico en que se atopaban. Agora xa non están alí, as pedras foron levadas para o centro cultural As Pedriñas de Mos no que se levou a cabo unha reconstrución de dous túmulos nos que se chantaron as pedras.

Descrición

Tal como figuran nas fotos iniciais, despois da destrución, do túmulo non ficou nada, só os chantos do dolmen amoreados entre as diferentes estradas, autovías e autoestradas que conflúen ao redor do alto de Puxeiros e o Rebullón.

No lugar da reconstrución hai un ilexíbel cartel no que só se entende o título: “Restitución dos túmulos 3 e 4 do Rebullón”.

Dolmen 1: está formado por sete chantos. A disposición da reconstrución actual do dolmen é completamente circular.

Dolmen 2: está formado por seis chantos. Ábrese cun corredor aberto ao exterior do túmulo.

Estado de conservación

A descontextualización destas mámoas é total. Só as persoas iniciadas no seu coñecemento son capaces de recoñecelas ao achegarse a elas. Non hai ningún cartel en condicións que nos fale do que son, da súa historia, do seu significado e utilización. O único indicador existente está xa borrado polo tempo. Non hai tampouco ningún cartel que informe das precaucións que deben adoptarse para evitar o seu deterioro e agresión (nas fotos pode verse que o seu interior úsase como depósito de mochilas polos rapaces que xogan sobre elas).

Dende aquí instamos ao concello de Mos para que se responsabilice da súa conservación e adecuada posta en valor. Os colectivos privados, como é o caso deste centro cultural, poden saber máis ou menos como actuar para a súa conservación, mais son as administracións -comezando pola local, que é a principal implicada- as que deben aplicar todas as medidas que están ao seu alcance para velar pola súa correcta protección. Neste caso vese claramente que non é así. Este concello non é o único caso que padece: máis grave é o dos restos dos dolmens destruídos que hai dentro do Mercantil, en completo abandono e sen ningún tipo de medidas adopadas ata a actualidade.

Valoración final

Nun país tan rico en vestixios arqueolóxicos do poboamento tan numeroso que existiu ao longo da historia no noso territorio, as necesidades actuais de estender o progreso das comunicacións e o hábitat urbanístico chocan constantemente coa conservación deste legado. Á vista das numerosas destrucións de patrimonio arqueolóxico que se están producindo, preguntámonos se está correctamente regulado o protocolo de actuación ante estes casos, ou tan sequera se existe tal disposición.

Lévase destruído máis patrimonio arqueolóxico nos poucos anos que levamos de democracia ca todo o que se destruíu ata entón. Mámoas arrasadas por traballos intensivos forestais, novas vías de comunicación, tendidos eléctricos, construcións urbanísticas… O mesmo sucede cos petróglifos e os castros. Feitos consumados, en moitas ocasións, que puideron ser previdos co suficiente control e sensibilización das diferentes administracións.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).