Este emblemático lavadoiro encóntrase nun recanto que forma a rúa Redomeira, paralela á rúa Aragón, preto do final do seu percorrido.
Pola parte traseira deste lavadoiro esténdese unha ampla zona deshabitada, mais fronte a el, no outro lado da rúa, levántase diversas edificacións. Estas novas edificacións evidencian o forte contraste do salto do mundo tradicional, ao que pertencen estas construcións populares, á cidade urbanizada que se construíu ao seu redor.
Descrición
Cubrición: de cemento con teitume a dúas augas sobre tres pares de columnas. Os laterais que están acaroados a unha propiedade están cerrados con parede. Esta cubrición está pintada toda en branco agás o teitume, pintado en vermello, e unha franxa inferior en gris ata o chan.
Lavadoiro: a tres follas, ao redor das pías da auga. A entrada de auga faise por unha pequena canle nunha das esquinas posteriores do lavadoiro, o que permite poder lavar na parte traseira tamén. O lavadoiro está dividido en dúas pías.
Complementos: ten unha fonte para a subministración da auga acaroada ao muro lindeiro, feita en pedra, vertical, con cano en ferro deitando auga sobre unha pequena pía de pedra, da que parte a canle que leva a auga para o lavadoiro.
Na parte dianteira do lavadoiro, sobre o bordo, está o aliviadoiro de auga. Ten forma orixinal de fonte, constituído por un frontal cuadrangular rematado por un cume semicircular con adorno de resalte polo bordo semicircular. Na liña de unión entre o cume e o frontal hai un orificio e unha pía na parte inferior. Está pintado todo el en branco xunto coas esquinas do lavadoiro.
Estado de conservación
Consérvase en bo estado. A auga corre sempre e as pías permanecen cheas.
Nas paredes laterais vense as habituais pintadas de graffiti.
Ao redor do lavadoiro habilitouse unha zona de descanso e encontro das persoas, con bancos e pavimento despexado, defendido da entrada de vehículos.
Os lavadoiros, como elementos da nosa arquitectura popular tradicional, están cada vez máis sometidos a unha presión urbana e urbanística que os vai relegando, degradando e abocando á desaparición.
O acerto neste caso de destinalos ao encontro e lecer da veciñanza é un exemplo a seguir para moitos outros que están correndo peor sorte no noso concello.
Botamos en falta paneis que enriquezan este lugar con explicacións da cultura do lavadoiro, das partes de que está composto, materiais, funcionalidades, cantos, literatura ao redor dos lavadoiros, etc.
Unha posta en valor informativa deste estilo contribuiría a evitar as agresións ás que se ven sometidos estes elementos patrimoniais, moitas veces debido ao descoñecemento e pouco recoñecemento social e cultural con que contan.
Podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa.
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)
Acabo de encontrar tu Web, y la verdad me parece muy interesante tu trabajo en ella, sobretodo por la dedicación a Vigo.
Me gusta…………..
Creo que te falta algun Lavadero, pero si los encuentro, porque pienso que hay alguno más en Cabral , te lo mando….
Un saludín
Blog de Vigo. Tu desastre
Comentario by Ricardolau — 18 enero, 2011 @ 19:28