Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Cruceiros,Sárdoma — Xosé Couñago

Localización

Esta xoia dos cruceiros vigueses está situado no centro da parroquia, nun lugar de paso bastante estreito para os vehículos. Quizais retrotraéndonos moitos anos atrás, a situación deste cruceiro sería moi axeitada; mais hoxe en día presenta dúas fachadas moi diferenciadas en canto a adecuación do lugar. Por unha parte, o conxunto arquitectónico fronte ao que se atopa é moi fermoso; mais pola outra cara, está demasiado próximo ao paso de continuo tráfico, demasiado arrimado, que xa provocou o seu derrubamento e posterior restauración.

Podemos observar que tamén lle colocaron ao seu pé uns boloardos defensivos –menos mal, porque outros cruceiro con máis periga ca este non teñen nada; p.e. cruceiro de Alcabre-; mais se observamos con detemento, decatámonos de que dous deles xa foron “tocados”.

Tampouco é acertada a sinalización de tráfico que lle colocaron mesmo ao carón. Respectando a necesaria existencia de sinais, tamén é necesario respectar a adecuación ao patrimonio histórico que existe ao seu carón.

Descrición

A simple vista destaca o conxunto da súa construción e a policromía que conserva. Esta policromía está presente no capitel, o manto azul e negro da Virxe, o manto avermellado dunha das figuras do varal e a cor rosada da pel nas imaxes principais.

A base está formada por catro chanzos cuadrangulares; a última pedra que coroa a base ten unha inscrición nunha das súas caras.

O fuste é octogonal con dúas figuras, unha a cada cara, sobre cadansúa peaña.

O capitel tamén está policromado e presenta unha forma clásica, propia de finais do barroco, na que destacan catro volutas sobre base redonda. As volutas serven á súa vez de soporte a unha pequena plataforma pétrea cadrada que serve de soporte da cruz.

A cruz ten as dúas representacións características: a crucifixión e a Piedade. As dúas figuracións están policromadas e ofrecen un destacado naturalismo.

O Cristo crucificado destaca menos ca a Piedade, aínda que busca expresar un manifesto naturalismo a través da expresión do rostro e a acentuación da anatomía. Con todo, a elaboración da figura no seu conxunto ten máis trazos que revelan unha certa insuficiencia naturalista, xa que a figura non sobresae da cruz, senón que aínda está apegada a ela.

A Piedade destaca pola súa voluminosidade e colorismo. A súa vestimenta está dividida en varias cores: azul, negro e gris. O seu rostro, ao igual ca o manto, tamén é voluminoso e non revela unha muller nova, senón unha nai con todo o sufrimento dun fillo morto no seu colo. Unha figura xacente de Cristo que, como sucede noutras representacións, é dun tamaña menor ca o da nai. De feito, a figura de Xesús xacente apenas destaca, mesmo en elaboración, ao lado do trabalo que presenta a da Virxe.

Máis información

Aquí tendes unha relación máis detallada de imaxes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.