Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Muíños,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este é o quinto muíño que pecha o conxunto etnográfico restaurado de Zamáns. Está situado no fondal dun prado, a continuación dos catro anteriores, por onde discorre o río Vilaza pouco antes de embocar as súas augas no encoro de Zamáns.

Para chegar a este lugar podedes dirixirvos ao campo da feira da parroquia, ao lado da igrexa de Zamáns, e descender pola estrada de Vilaverde. A menos dun quilómetro veredes o río. Baixades pola súa beira e estaredes nun prado recuperado con plantación de acivros e o primeiro dos muíños.

Seguindo o curso descendente do río están os cinco muíños formando un conxunto etnográfico de especial beleza, tanto pola contorna en que se atopan coma pola fermosa restauración a que foron sometidos por parte da Comunidade de Montes de Zamáns.

Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición

Situación: Este quinto muíño, en orde descendente pola beira do río de Vilaza, está situado na marxe dereita da corrente, moi próximo á auga e rodeado de amieiros e salgueiros.

Tipoloxía: é un muíño de cubo cunha soa mó.

Levada: a levada consérvase en bo estado e provén directamente do cuarto muíño deste conxunto; de feito a auga vai dun muíño ao outro durante todo o percorrido. Nestes últimos metros álzase sobre a pendente do terreo reforzada por sólidos soportes laterais de cachotaría rematados en sólidos perpiaños na zona do cubo. A construción do muíño na parte inferior da pendente do terreo propicia a caída da auga a través do cubo para proporcionar a forza necesaria ao rodicio.

Edificación: o muíño é de reducido tamaño, coas paredes en cachotaría e o tellado dunha auga.

Presenta unha porta na mesma fachada ca o cubo e ningunha outra entrada de luz. A porta está formada por dúas xambas laterais, con cadanseu perpiaño encima para proporcionar maior altura ao van, sobre o que se dispón un lintel.

Entre a porta e o cubo hai unha lousa sobresaínte encastada na parede que servía de pouso para as cargas.

Diante da porta de entrada desenvólvese un pequeno recinto coutado por un valo de cachotaría que salva o desnivel do terreo.

O tellado foi restaurado na súa totalidade recuperando tamén todo o beirado pétreo.

Interior: podemos identificar aínda dous espazos: o da moenda e o da estancia das persoas. No espazo da moenda hai unha mó completa coas dúas pedras de moer. Tamén podemos identificar un pequeno fornelo.

Estado de conservación

Na seguinte imaxe podemos apreciar como se encontraba antes da restauración. Na galería de imaxes que acompaña este artigo podemos ver unha relación máis completa do antes e o despois deste muíño.

A estrutura pétrea foi restaurada na súa totalidade.

As paredes foron consolidadas e reforzadas e as pedras limpadas, coa restitución do tellado e as lousas que bordean o teitume formando a sobrepena.

A intervención realizada, respectando cada pedra orixinal do muíño, transformou completamente a súa fasquía dun xeito coidado e positivo ata o punto de que sería difícil recoñecer que se trata do mesmo muíño á vista destas dúas imaxes.

Valoración final

A posta en valor deste importante conxunto etnográfico levou consigo unha intervención de limpeza e recuperación de cada un dos muíños que hai neste recanto tan especial de Zamáns.

A restauración destes muíños devolveulles unha gran beleza que nos fala por si mesma a través da conexión da identidade cultural que nos une coa terra e as nosas raiceiras.

O que fica agora é a súa divulgación social adecuada, de xeito que a poboación viguesa se achegue a coñecer as nosas parroquias periféricas e descubran estes recantos patrimoniais tan descoñecidos para a maioría de nós.

Polos arredores deste conxunto etnográfico podemos continuar un sendeiro marcado que nos conduce ata o encoro de Zamáns, bordeando as súas ribeiras ata chegarmos ata outro dos conxuntos etnográficos de maior relevancia en Vigo: os denominados Muíños de Maquía, situados ao pé da parede do encoro, pertencentes xa á parroquia de Valadares.

O regreso está marcado tamén percorrendo un antigo camiño real ata o punto de partida inicial nos muíños de zamáns.

Máis información

Galería de imaxes

Asociación Veciñal de Zamáns, Muíños de Zamáns

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

2 comentarios

  1. Sen dubida , Galiza ten o mellor de España.
    A nosa terra temos que coidala como se fose o ultimo dia.

    PABLO

    Comentario by Vigo — 23 noviembre, 2012 @ 0:30

  2. E un privilexio vivir en Galicia.

    Esta terra e un luxo.

    ISA

    Comentario by Despedidas Vigo — 23 noviembre, 2012 @ 0:31

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.