Localización
Está próximo á beira da pista que vai dende a capela de S. Sebastián en Coruxo ata o parque forestal de Saiáns.
No mapa que se acompaña máis abaixo, ampliando a foto, tedes marcado o camiño para chegar. Indo dende a capela, chegamos á altura do campo de fútbol, onde hai unha encrucillada. Tomamos o camiño da dereita e avanzamos uns 1200 m. Atopamos entón un pequeno sendeiro que baixa á nosa dereita. Seguimos por uns 200 m ata chegarmos a unha encrucillada; descendemos uns 20 m polo camiño que atopamos de fronte e seguindamente saímos do camiño á esquerda. No medio das árbores veremos un afloramento rochoso. Unha das rochas, cortada polos canteiros e que aínda conserva as marcas dos puntos de corte é a que presenta as figuras que imos describir.
Descrición
Rocha: horizontal, cortada. Dimensións: 2 x 1,70 m.
Gravados:
- Motivo principal, no centro da rocha, composto por 4 círculos concéntricos, cun diámetro total de 41 cm, con coviña central e suco de saída que rematan unha cazoleta de 12 cm de diámetro.
- Asociado a este motivo vai apegado un círculo de 11 cm de diámetro con coviña e suco de saída cara ao sueste.
- Composición de 3 círculos concéntricos, o exterior incompleto, cun diámetro total de 32 cm, con coviña central e suco de saída cara ao noroeste.
- Apegado a un dos puntos de corte da pedra hai un motivo composto por 2 círculos concéntricos incompletos, cun diámetro total de 21 cm e coviña central.
- 30 cm ao norte desta figura hai un círculo incompleto, de 17 cm de diámetro, con coviña central.
- Dispersas pola rocha hai varias coviñas máis.
Acompañando esta rocha hai outras dúas con outros motivos máis simples:
- 4 m ao sueste vemos unha rocha con coviñas e un pequeno círculo con coviña central.
- 5 m ao suroeste podemos atopar outra rocha na que hai unha figura cruciforme.
Estado de conservación
A falta de mantemento e coidados por parte da administración local, como responsábel máis directo, fan que sobre as rochas se acumule todo tipo de vexetación e liques.
Os liques e carrizos son daniños para a conservación dos sucos na rocha.
Por outra banda, a vexetación invasora chega en moitos casos a ocultar completamente os petróglifos.
Non hai indicadores nin paneis informativos de ningún tipo. Chegar ata estes petróglifos é toda unha aventura de pescuda e descuberta para quen non vaia equipado de material cartográfico ben preciso.
Valoración final
Por regra xeral, os petróglifos en Vigo non contan con accións regulares de mantemento, coidado, vixilancia e posta en valor.
Falta unha acción decidida por parte da acción conxunta das concellarías implicadas, como poden ser Cultura, Patrimonio, Medio Ambiente e Educación, para levar a cabo un proxecto integral de actuación sobre os noso gravados rupestres.
A educación nos centros de ensino a través de material didáctico apropiado, o coidado medio ambiental na contorna dos xacigos, a posta en valor e mantemento por parte de patrimonio e a proxección social que Cultura debe achegar forman un conxunto de actuacións que poidan dar posibilidades de facer chegar á cidadanía un dos principais expoñentes da arte, cultura e sociedade dos devanceiros que nos legaron estes símbolos que hoxe en día forman parte da nosa identidade.
Máis información
Concello de Vigo, Catálogo do PXOM
Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo
Navegadores GPS