Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Lavadoiros,Sárdoma — Xosé Couñago

Localización

Este singular lavadoiro está situado ao carón do río Lagares, no tránsito entre a baixada ao Castaño e o barrio da Ponte Nova.

É de destacar que se encontre xunta o popular paseo do Lagares, por onde circulan centos de persoas cada semana, percorrendo as ribeiras do río.

Ao seu arredor aínda podemos contemplar as tradicionais leiras de cultivo das casas e propiedades dos arredores, coa imaxe dos edificios e centro comercial próximos á Gran Vía, ao fondo, e a nova urbanización da Ponte Nova ao outro lado do Lagares.

Descrición

Cuberta

É de cemento a unha auga con tella como cubrición. Dous pares de columnas en cemento, cerrando os extremos, delimitan este pequeno lavadoiro de planta cuadrangular.

Lavadoiro

Presenta unha única fileira corrida de lousas para lavar, sobre dúas pías independentes. A zona de lavar ocupa unha metade do recinto, arrimada a un dos laterais da construción; a outra metade é para o movemento da xente que entre no lavadoiro. A construción é de perpiaños polo exterior e de azulexos brancos no interior das pías.

Complementos

Está fechado en volta por un muro de perpiaño, cunha única entrada nun recanto. O perpiaño do lavadoiro e do muro contrasta negativamente coas columnas e o teito de cemento.

Na zona central da cabeceira do lavadoiro atopamos unha magnífica fonte pública, que proporciona á súa vez a auga á zona de lavado. Esta fonte conta cunha columna central elevada, rematada en capitel sobre o que coroa un pequeno pináculo, con ornamentacións que nos lembran os baixo peitorís das xanelas de casas barrocas, xunto con cadansúa volutas a ambos lados da pía central sobre a que cae a auga. Desde esta columna central parten lateralmente dúas extensións pétreas, creando unha disposición de arco, con base ornamentada rematada en cadanseu pé de columna sobre os que se dispoñen senllas pezas cúbicas decoradas con volutas nas catro caras.

Estado de conservación

Tanto a cubrición coma as columnas presentan o cemento sen rematar adecuadamente, amosando as nervaduras das unións do encofrado, afeando considerabelmente os elementos tradicionais que se conservan.

Non existe ningún panel informativo nin indicador sobre o seu nome, datación e características.

Valoración final

É unha mágoa que estando situado ao lado do paseo máis concorrido que existe pola beira do Lagares, este lavadoiro estea tan exento de información e posta en valor. Non pode resultar tan difícil a coordinación entre as concellarías de Medio Ambiente e Patrimonio para integrar un elemento etnográfico tan interesante nun percorrido natural destas características.

É importante acometer unha habilitación da contorna e do propio lavadoiro para facer del unha parada obrigada no paseo de cara a podermos comprender o contexto cultural e social en que foi construído.

Neste senso cómpre harmonizar os disonantes elementos engadidos en cemento co perpiaño da construción nobre orixinal, sobre todo tendo en conta a fermosísima fonte tan ornamentada que completa este conxunto etnográfico.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

2 comentarios

  1. Tedes que poñer máis información sobre as partes dos lavadoiros

    Comentario by rosita — 22 enero, 2013 @ 8:52

  2. efectivamente é una magoa a deixadez deste lavadoiro que non está datado nas suas orixes, e por contra o feísmo das suas columnas é notable….

    Comentario by pablo perez cocaña — 18 marzo, 2014 @ 19:00

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.