Localización
Este excepcional e emblemático conxunto vigués está situado na parroquia de Valadares, ao pé do encoro de Zamáns e con acceso doado dende a PO-331, estrada que une Gondomár co Porriño, baixo o monte Galiñeiro.
Dende a estrada hai un cartel indicador que nos conduce nuns douscentos metros ata a beiras do río de Zamáns, onde se localizan estes muíños.
Normalmente atribúense á parroquia de Zamáns, e mesmo son coñecidos con esta denominación, mais a localización real pertence á parroquia de Valadares.
A contorna en que se localiza forma parte do sendeiro panorámico de Vigo, GR-53 e toda a zona posúe un gran valor medioambiental.
Forman parte da Ruta dos conxuntos etnográficos de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.
Descrición
O conxunto está formado por dúas edificacións. Unha delas é unha vivenda muíño con dúas alturas e o outro un muíño de configuración habitual.
O nome Maquía provén da medida de moenda que a persoa usuaria debería pagar ao propietario do muíño por moer o gran.
Vivenda muíño
Este é o muíño principal e vivenda da persoa que estaba a cargo da moenda.
Presenta dúas plantas de altura baixo unha cuberta a dúas augas.
Fachada principal
O máis especular a primeira vista é o pórtico da fachada principal, composto por unha esqueira de seis chanzos gradados a tres caras piramidalmente. Esta esqueira pétrea introdúcenos nun patín que ocupa o largo da fachada, con catro columnas, con cadansúa base e capitel. Estas columnas son cúbicas con rebaixes achafranados nas arestas. As columnas están unidas entre si dúas a dúas por senllos peitorís, deixando a zona central exenta para acceso ao patín. As columnas sosteñen a prolongación cara a fóra da planta superior creando un claro efecto de soportal.
Planta baixa
Conta cunha porta de entrada e un pequeno fachinelo no seu lateral esquerdo. Esta planta baixa dá acceso á planta superior mediante escaleira e ao lugar de moenda. Esta planta baixa esténdese lateralmente fóra do corpo principal do edificio creando o espazo de moenda, no que se sitúan todos os elementos correspondentes, con tellado propio a unha soa auga.
Espazo de moenda
Ten dúas moas completas, mais sen varas nin moegas. Exteriormente correspóndense con cadanseu inferno no nivel inferior e dous fachinelos á altura das moas. Entre as dúas moas hai un pequeno muro de pedra con columna ata o teito a modo de división dos dous espazos correspondentes ao tremiñado.
Planta superior
É o espazo dedicado á vivenda das persoas encargadas do muíño. Hoxe en día está lóbrego. Dende a xanela deste andar superior gózase dunha visión exterior de todo o conxunto dende unha nova e diferente perspectiva.
Parte traseira: conta cun pequeno cuberto apegado á parede posterior formado por un tellado dunha auga que se sostén sobre un pequeno muro mediante catro barras metálicas.
Levada
Está situada na parte posterior do edificio e pódese seguir ata a base do encoro. O desnivel do terreo na chegada ao muíño vénceo mediante unha sólida e voluminosa canle de cachotes que rematan nun cubo de forma rectangular. Esta única levada dá servizo ás dúas moas do muíño.
Segundo muíño
Levada: provén da mesma levada ca o da vivenda muíño, a partir dunha división na canle principal para a separación das augas. Chama a atención o tamaño e lonxitude das lousas laterais que conducen as augas ata o cubo. Este conta con todas os partes características e destaca tamén pola súa gran dimensión.
Edificación: a porta está situada a carón do cubo, nun extremo. Está construída con perpiaños de diferentes tamaños e ten o tellado completo a dúas augas. Na parte posterior está a saída do inferno, a un nivel inferior ao da planta, e sobre el unha pequena xanela.
Interior: está ben conservado e conta cunha soa moa completa, sen moega, mais cun erguedoiro ao seu pé. Nunha das paredes laterais hai un poio corrido de pedra e, ao carón da xanela, nun recanto, un pousadoiro circular.
Estado de conservación
No seu conxunto podemos consideralo aceptábel, mais cun alto risco de degradación, xa que na actualidade está completamente abandonado. Nalgún caso mesmo presenta un risco para as persoas, como é o caso das escaleiras interiores da vivenda muíño, que non contan con chanzos e só permanece a súa estrutura metálica.
Os paneis informativos situados no acceso a este conxunto foron destruídos.
Percíbese claramente que non existe ningunha presenza de control ou mantemento neste lugar por parte da administración local.
Valoración final
Dá magoa pensar que este é o conxunto máis emblemático do concello de Vigo dado o seu abandono actual. No seu momento existiu un proxecto de aulas etnográficas do pan neste lugar, mais non tivo continuidade.
Un dos principais motores da economía rural dos nosos pais, que conta con tantos exemplares e conxuntos en todo o municipio, non ten asociado ningún programa didáctico que mostre o seu funcionamento ás novas xeracións, xa descontextualizadas deste mundo que está ao seu carón e do que participaron tan activamente tanto os seus pais coma os seus avós.
Moitas destas persoas maiores que traballaron directamente neste sistema de produción básico de alimentos para as familias poden aínda participar na transmisión destes ancestrais coñecementos. Cando esta xeración desapareza, só poderemos falar de arqueoloxía etnográfica.
Máis información
Navegadores GPS
Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.
Tamén podedes descargar a Ruta dos conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)