No adro da igrexa de Valadares atopamos esta xoia da arte popular relixiosa de Vigo.
Dende este adro domínase unha ampla perspectiva da parroquia de Valadares coa cidade ao fondo, dada a súa posición elevada con respecto ao núcleo principal da parroquia.
O cruceiro forma conxunto coa igrexa, o cemiterio e o espléndido adro que o arrodea.
Ao lado do adro tamén se atopa o Baile Vello, antigo edificio recuperado para o lecer e celebracións da parroquia.
Descrición
O cruceiro conforma un conxunto con outras dúas cruces máis pequenas, constituíndo estes tres elementos o único “Calvario” existente no concello. Os Calvarios son conxuntos de tres cruces que representan a escena a crucifixión, con Xesús arrodeado dos outros dous condenados. Nestes caso as cruces acompañantes están exentas de figuracións. No noso país existen numerosos exemplos destas composicións escénicas, algunhas de especial fermosura, coma a do concello ourensán de Beade.
Datación: este é un dos datos máis salientábeis, xa que na base lemos a seguinte inscrición: “ANO 1664”.
Esta data converte o cruceiro de Valadares nun dos máis antigos de Vigo. Anteriores a el temos constancia epigráfica dos cruceiros do adro de Coruxo (1631) e o cruceiro da Costa en Castrelos (1641).
Seguramente existen outros tamén anteriores, mais faltan inscricións ou datos que os sitúen cronoloxicamente. Este é un importante traballo que algunhas das fontes documentais históricas poden axudar a desvelar.
Cruces acompañantes: son de escasa altura, lisas e sen decoración figurativa. Presentan como ornamentación a apreciar a forma hexagonal dos fustes e brazos das dúas cruces, co mantemento das caras dos extremos dos brazos e da cabeceira da cruz con forma cadrada.
Cruz principal
base: presenta un chanzo cuadrangular no que vai encastada a base que sostén o fuste do cruceiro. Esta base ten unha forma piramidal coas caras lisas e a inscrición arriba sinalada.
Fuste: cuadrangular na parte inferior e hexagonal no resto do varal. Non presenta decoración ningunha.
Capitel: a base adáptase á forma hexagonal do fuste. A continuación adopta forma cuadrangular para rematar cun aro circundante redondo. A decoración nas catro caras está composta por dúas liñas sinuosas lobuladas enfrontadas.
Cruz: lisa e de fasquía semellante ás cruces acompañantes: varal e brazos hexagonais con extremos rematados con forma cuadrangular.
Frontal: figura da crucifixión. Forma algo tosca, con pouca elaboración. A cabeza ladeada cos ollos pechados, con barba e cabelo longo con coroa de espiñas. Os brazos son un tanto desproporcionados e sen demasiada elaboración. As costelas marcadas no torso, con algunha marca máis que acentúa parte da musculatura. Todo o corpo está apegado á pedra, sen destaque artístico, agás na altura dos xeonllos, que sobresaen co efecto da flexión.
Envés: fermosísima Piedade con detallada elaboración. Un gran traballo de luz en cada pregamento do manto da Virxe, quen, nunha actitude piadosa, sostén o corpo do seu fillo morto no colo. Hai que salientar a desproporción entre o tamaña das dúas figuras desta escena: a Virxe é moito máis grande ca Xesús; de feito, Cristo semella o corpo dun neno pequeno no regazo da súa nai. Tal como Castelao apuntaba no seu libro As cruces de pedra na Galiza, os canteiros parecen diminuír o tamaño do fillo porque no colo das nosas nais todos parecemos pequenos. Chama a atención a diferenza tan grande de elaboración entre a figura da Virxe neste envés da cruz e a do crucificado na parte frontal. Isto sumado ao empequenecemento da figura de Xesús xacente no colo da nai, fai que a figura que realmente destaca neste conxunto é a da Virxe.
Estado de conservación
O estado de conservación xeral é bo. Está ben contextualizado e conserva a orixinalidade do conxunto que forma o Calvario. A pedra presenta un aspecto limpo e coidado.
A alteración máis salientábel sobre o conxunto é a agresión visual de tanto cable ao redor do cruceiro.
Valoración final
este adro de Valadares é un punto de referencia de patrimonio artístico da parroquia; polo tanto, o coidado coa contorna deste lugar debe ser especial.
Sobran varios elementos que provocan unha evidente agresión visual sobre o lugar, como son os letreiros en mal estado, os postes, o cableado…
Tamén falta unha sinalización adecuada que contextualice a singularidade deste Calvario, así como a súa antigüidade dentro do concello e que recolla a historia ou as tradicións que se existan ao redor deste cruceiro.
Este é un compromiso de todas as entidades implicadas na súa conservación e posta en valor: tanto a igrexa, coma os colectivos sociais da parroquia, así como as administracións correspondentes.
Máis información
Podedes acceder a unha galería máis completa de fotos.
Navegadores GPS
Tamén podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).