Localización
Este túmulo forma parte do conxunto de dúas mámoas chamadas do Ferradouro I e Ferradouro II, incluídas na Ruta das mámoas de Candeán. Distantes uns cincuenta metros unha da outra, atópanse a ambos os lados do camiño por onde discorre a ruta, entre o cemiterio de Candeán, onde están as mámoas da chan dos Touciños, e as mámoas de Costa Freiría, preto do parque do Vixiador. Ao seu carón eríxese un pequeno cartel descritivo.
Descrición
É dun tamaño inferior á súa parella ferradouro II. Mide 10m x 10,5m. A altura apenas sobrepasa os 0,50 cm. Túmulo: está bastante arrasado e de difícil recoñecemento. Só a observación atenta das pequenas elevacións que presentan as mámoas, xunto coa presenza do cono de violación, con ou sen ortóstatos, nos permiten identificar estas primeiras construcións do ser humano no noso concello.
Cámara: conserva dous ortóstatos, separados entre si. As demais pedras desapareceron. Sobre a mámoa aínda se poden recoñecer pequenas pedras que seguramente formaron parte da coiraza que reforza o túmulo.
Estado de conservación
Pésimo; a pesar do letreiro que ten ao seu carón, non se realizan traballos de conservación e limpeza que a fagan cando menos algo máis recoñecíbel. Por outra parte, a construción dun camiño mesmo pola súa beira deteriorou o túmulo no lugar afectado.
Valoración final
A agresión do ser humano ao longo dos milenios contra estas construcións neolíticas fai que ás veces sexa un milagre a súa supervivencia ata os nosos días; principalmente a partir da explotación intensiva dos recursos forestais dos montes, coa incorporación de maquinaria pesada e labores de repoboamento e acondicionamento que arrasaron incontables elementos tan singulares do noso patrimonio. Esta mámoa é un bo exemplo desta continua agresión, que a deixou reducida a unha mínima expresión aínda recoñecíbel do que foi na súa orixe.
Máis información
- Galería de imaxes
- Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo):