Patrimonio cultural de Vigo

Navia

Muíño de vento de Navia

Arquivado en: Muíños,Navia — Xosé Couñago

Muíño de vento de NaviaLocalización

Este senlleiro exemplo de construción de muíño eólico está situado na parroquia de Navia, sobre o promontorio do Castro Redondo ou Castro do Outeiro. Dende esta singular atalaia domina toda a foz do Lagares e areais do Vao e Samil.

Descrición

Na actualidade está en case completa ruína, aínda que conserva con esperanza de recuperación gran parte dos seus muros. Afortunadamente as pedras arruadas das parredes non desapareceron na súa totalidade.

Pódese observar perfectamente a forma circular características destas construcións eólicas galegas, realizadas en cachotaría irrregular, de mediano tamaño.

A porta consérvase completa e, á entrada, no chan, podemos ver a tapa superior da moa. No interior atopamos aínda a base da moa.

Ao redor da construción hai moitos cachotes espallados tralo derrubamento.

Muíño de vento de NaviaEstado de conservación

A ruína que se observa non é todo o grave que puidese impedir unha recuperación e restauración desta obra única no noso concello. Se xuntamos todos os elementos que se encontran no propio lugar, aínda se pode rehabilitar case que completamente este muíño.

A maleza, os embates climatolóxicos e a acción humana van rematar por facer desaparecer este elemento etnográfico se antes non se realiza unha intervención decisiva.

Valoración final

Calquera persoa podería preguntarse: un muíño de vento, en Vigo? Efectivamente, o único sobrevivente que nos queda deste patrimonio que outros lugares de Galicia revalorizan e conservan con agarimo, como sucede por exemplo en Catoira.

Téndomos exemplos e referentes tan notorios, a que agardamos nós aquí en Vigo, a gran irmá rica de todos eses concello pequenos que miraron con agarimo e respecto o seu patrimonio, para sacar do esquecemento tan fermoso exemplar da nosa economía rural?

É lamentable que despois de tantos anos e de tantas recuperacións de muíños xa levadas a cabo en Vigo ningunha das administracións locais se fixase nel para a súa rehabilitación.

Paisaxe da foz do LagaresDe seu, o lugar en que se atopa é dunha evidente beleza; sobre todo pola paisaxe que se pode desergar dende este promontorio natural, que abrangue toda a entrada do Lagares na ría e as terras adxacentes de Navia e Coruxo.

Por outra parte, o muíño está situado sobre un dos 27 castros galaicos que existen no noso concello e arrodeado por unha aldea que aínda conserva vedros trazos nas súas pedras; unha aldea que con seguridade foi a natural continuadora do hábitat castrexo que ocupa; non hai máis que observar a súa configuración con algo de atención.

Máis información

X.M. Hidalgo Cuñarro publica no seu blog «Vigo etnográfico» un interesantísimo artigo sobre esta construción.

Podedes acceder a unha galería de imaxes deste muíño de vento.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)