Xosé Telmo Lodeiro, o “pintor de Vigo”, como así lle gustaba chamarse a si mesmo. A nosa admiración persoal pola súa pintura lévanos a facer unha chamada de atención sobre a insuficiente valoración deste pintor na súa cidade, Vigo, e o descoñemento que aínda existe da súa obra.
Pintor de difícil clasificación, ten un percorrido vital riquísimo de formas e expresións; mais se en algo podería sobre todo sobrancear para nós é o poder consideralo como o pintor da luz. A luz como obsesión, actúa con ela coma un cirurxián, a súa paleta e espátula actúa coma un bisturí descompoñendo a luz en todos os seus detalles e graduacións. Ninguén coma el soubo representar a grandiosidade de luces que un atardecer sobre a ría de Vigo podía dar de si. Foi capaz de arrancarlle ata a última variación de tonalidade a cada raio de luz que o astro deixa cada solpor antes de se deitar por detrás das Cíes.
As súas figuracións humanas tampouco deixan indeferente. O seu ollar é demasiado penetrante. Son coma un berro inmenso e primal que nos chega dende o silencio da súa enigmática e inquietante mirada.
E que dicir das mulleres de Lodeiro. Elas representan o enigma do enigma que toda a súa figuración nos transmite. Cando un as observa cobra profundo sentido toda a poética pictórica da súa obra social e rememora mesmo as viúvas de vivos e mortos rosalianas.
Na pintura de Lodeiro hai moita humanidade e reividicación social. O seu é un compromiso firme co ser humano e principalmente co mundo obreiro galego.
As cidades formigueiro que aparecen en tantos dos seus cadros forman parte do seu discurso social e reivindicativo na loita por denunciar o paraíso perdido ocupado polas xeometrías de formigón. Ese mesmo ser humano que aparece tras os cristais d’ O crepúsculo e as formigas de Ferrín:
“… Achego a miña cara á fiestra, aos vidros da fiestra, e vexo a rúa longa, ateigada de xente informe, coma un carreiro de formigas que fervera estreitamente, escuramente. Os homes son coma formigas, na vila sen nome.”
Tamén está o Lodeiro máis críptico, o Lodeiro de xeometrías de series interminables, obsesivas, como tentando esculcar nas
produndidades da mente a traves do bisturí da luz e a cor: formas e estruturas, sexualidade e novos mundos creados máis alá da nosa mirada tridimensional.
Lodeiro foi un pintor autodidacta, empapándose de toda a pintura que observaba ao seu arredor, aprendendo sen parar. As súas viaxes sempre serviron para traer algo novo e diferente dentro da liña persoal de Lodeiro.
E finalmente, o Lodeiro da flores, que nos parecen transmitir que por fin o pintor chegou ao celme da procura vital, un camiño de flores no seu regreso á orixe, unha regresión aberta a unha nova renacenza nese novo mundo creado dende esa mirada ques empre estivo máis alá de nós.
Non deixedes de achegarvos por Santiago ata o día 24 de febreiro de 2008 para gozar da oportunidade histórica de admirar esta antoloxía de obras de Lodeiro e mesmo adquirir o catálogo correspondente. Será unha oportunidade excelente de coñecer máis a un dos mellores pintores na historia da nosa cidade.
Se queredes ver unha relación máis ampla da súa obra podedes premer aquí.