Localización
Este esmoleiro devocionario de San Benitiño está situado no comezo do Camiño de Santo Antonio, na confluencia co Camiño do Monte Pequeno.
Está nunha encrucillada de camiños, característico da localización dalgúns destas pequenas construcións etnográficas.
Atoparémolo facilmente no extremo do muro de cerramento da primeira das propiedades do Camiño de Santo Antonio.
Descrición
O muro no que está encastado é todo de formigón. Ao seu redor unha grande enredadeira, xunto coas flores que habitualmente o decoran colgando nos laterais e colocadas polo chan en tarros humanizan algo máis estas novas configuracións dos cerramentos das propiedades periurbanas.
A forma do esmoleiro é semellante á de moitos outros do noso concello: un fornelo con remate superior semicircular, fechado por un pequeno portelo enreixado con cristal.
Todo o bordo exterior do fornelo está pintado de cor branca e as reixas do portelo están pintadas de cor negra. O resto da parede na que se encontra ten a coloración e textura típica do muro de formigón.
A ambos os lados do fornelo colgan cadanseu tarro con plantas ornamentais.
O interior do esmoleiro está pintado de cor azul e contén unha pequena figura de San Benitiño, co seu característico libro das regras na man e a súa venerada cruz sobre o peito. Ao seu arredor a figura tamén está decorada con flores e outros pequenos obxectos; entre eles destaca unha pequena placa de porcelana cun texto que fai referencia á devoción concreta por este santo:
“San Benitiño do Montepequeno / coidame a casa que eu morro / de medo. / Sinto moitos ruidos, e penso que / andan as bruxas polos eidos. / Aunque son unha velliña e non sei / nada de nada, ó mirar a túa cariña / xa me sinto namorada. / Porque eres pequeniño eres moi / bonitiño, / que se foras grande non te / chamabas San Benitiño.”
[sinatura ilexible, ano 1990]
Esta dedicatoria expresa claramente a tradicional devoción que esperta este santo, como protector da casa e dos males que poidan acosala.
Estado de conservación
Tanto a policromía conservada, coma o propio esmoleiro no seu conxunto mostran un bo estado de conservación.
A devoción viva que manifestan as flores frescas que hai ao ser redor e interior, manteñen o aspecto coidado que ofrece na actualidade.
Valoración final
Tendo en conta os aspectos que acabamos de describir sobre este esmoleiro e a súa devoción tradicional, é unha mágoa que a propia contorna non presente un maior coidado.
Ao seu carón colocaron un espello convexo de tráfico para facilitar o tránsito de vehículos nesta encrucillada, quizais inevitábel.
Mais tamén podía ser perfectamente evitábel o poste de formigón que situaron acaroado ao muro onde está este esmoleiro.
Tanto as administracións coma as empresas de servizos deben ter unha especial atención ao coidado ambiental destes elementos do noso patrimonio tradicional.
Máis información
Ruta dos petos de ánimas de Vigo
Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.