Localización
En pleno barrio histórico da vila de Bouzas, na rúa Cruceiro Vello, está situado este fermoso exemplar que dá nome á rúa en que se atopa. Mesmo se recollen referencias bibliográficas de que a propia vila de Bouzas naceu ao redor deste cruceiro.
Descrición
Basa: plataforma de tres chanzos de forma cadrada. Pedestal cúbico con metade inferior cadrada e metade superior nacelada. Ao longo das catro caras, está a inscrición que nos indica a data e a persoa que o mandou construír.
Inscrición: “A DEVOCION DE / MANUEL GARAMAL / SU MUGER Mª. ANT. TRONCOSO / AÑO DE 1802”
Varal: na súa parte inferior, o varal ten forma cadrada, mais o resto do fuste é cilíndrico. Non presenta decoración ningunha.
Capitel: ten forma cilíndrica, continuando o varal, do que se separa mediante dous aneis pétreos superpostos. Ao redor do capitel desenvólvese unha fermosa ornamentación composta por elementos florais coas características catro volutas nos cantos superiores, rompendo a circularidade e servindo de continuidade para a base cadrada sobre a que vai a cruz. Esta base cuadrangular ten os lados cóncavos e as arestas pronunciadas sobre as volutas. Entre elas, e aproveitando a concavidade de cada lado, están representados tres bustos de querubíns e unha caveira baixo os pés do crucificado.
Cruz: ten forma redonda, imitando a madeira mediante prominencias e nodosidades características dos toros de árbore. Na parte superior presenta un INRI con forma de pergameo envolvente.
Crucifixión: aínda que o crucificado non é dunha elaborada mestría, si presenta elementos que o fan significativo na súa fasquía. A figura só está apegado á cruz nas mans, o manto da cintura e os pés superpostos baixo un só cravo. O resto do corpo sobresae da cruz, outorgando unha apreciábel sensación de tensión na disposición das posturas corporais. Isto contrasta coa serena e apagada expresión do seu rostro inclinado. Aínda que os brazos rematan nunha mans pouco traballadas, o resto do corpo mostra unha robustez que se acentúa coa textura do propio granito.
Reverso: represéntase unha coroación da Virxe. A figura de María aparece erguida, en posición orante, envolta nun voluminoso manto sobre un vestido longo. Os seus pés tripan a figura do maligno, que aparece baixo a forma de serpe cunha prominente cabeza con carácteres humanos e ofídicos á vez. Baixo esta figura, destaca a característica media lúa de grandes proporcións. A parte máis interesante está na zona superior da imaxe: dous anxos coroan a María nunha espléndida composición artística. As dúas pequenas figuras anxélicas están apoiadas sobre os brazos da cruz, portan ás no lombo e sosteñen coas mans unha gran coroa con remate superior elevado, que depositan sobre a súa cabeza. As miradas das tres imaxes diríxense á fronte e expresan unha gran serenidade e mesmo ledicia.
Estado de conservación
Despois da restauración a que someteron a este cruceiro no ano 2010, a imaxe que ofrece é moi boa, xunto co conxunto da rúa que tamén foi rehabilitada na mesma intervención.
Valoración final
Os barrios históricos das nosas cidades é necesario atendelos permanentemente para a súa conservación e melloramento. Intervencións coma a da rúa do Cruceiro Vello son de eloxiar e fomentar noutros lugares.
Vigo conta cun importante conxunto histórico tanto no centro da cidade coma na vila de Bouzas. Rehabilitalos para a súa posta en valor leva o seu tempo e investimento logo da desidia de tantos anos e tantos gobernos. Foi un tempo perdido de oportunidades económicas coa incorporación á Unión Europea que quizais non se volva repetir. Mais agora toca actuar con rigor e planificación, priorizando e marcando unha axenda de intervencións que dean os seus froitos pouco a pouco.
Algún día teremos visitas autoguiadas polos noso barrios históricos que nos abrirán os ollos á riqueza monumental que nos arrodea e que ata o de agora aínda pertence a unha segunda división de xogo na nosa sociedade.
Máis información
Hidalgo Cuñarro, “Los cruceiros de Bouzas”, en Vigoetnográfico
PXOM do Concello de Vigo, Catálogo de elementos, Tomo VI.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
Amigo Xosé:
Acabo de recoñecer soamente a dimensión e calidade do traballo que tes feito sobre o tema o podo manifestarche que sinto unha grade ledicia por ter tan o carón un amigo que de xeito discreto e sen darse nin a máis mínima importancia. ofrécenos un traballo tan extenso e minucioso que debería facer pensar a todos nós na pouca atención que prestamos a todo este material que, por regalado, non deixa de ser de un gran valor e que debería ser o orgullo de tódolos vigueses. Esperemos que o teu traballo teña o mellor dos premios na recompensa emocional que che produciría ver todo isto recuperado, coidado e por suposto visitado especialmente polos nenos e todos aqueles que teñen pouco que facer. Dicirche que teño ante min unha fermosa guía didáctica, pola que agradecido, envíoche miña felicitación. Pp
Comentario by Pepe Vilar Ponte — 2 enero, 2011 @ 13:08