Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coruxo,Romanización,Sin categoría — Xosé Couñago

Localización

Esta vila romana está situada á beira do mar, na “Finca Mirambell”, fronte a illa de Toralla, á entrada da ponte, entre as praias do Vao e Canido.

Orixe

A vila data do século IV da nosa era, enmarcada no período tardo romano, xa preto do final do imperio. Esta foi unha época na que proliferaron numerosas vilas romanas por todo o noso territorio, da que conservamos varios exemplos no concello de Vigo: O Cocho e O Fiunchal en Alcabre, Ríos en Teis, e Sobreira en Oia.

Neste caso hai que resaltar tamén a proximidade ao castro galaico da illa de Toralla, situado a poucos metros, aínda que o castro parece que deixou de estar habitado antes da construción da vila romana. Non obstante, ao lado do castro atopouse, na illa, un cemiterio de época romana, posibelmente o cemiterio correspondente aos habitantes do asentamento romano.

A vila romana deixou de estar habitada a mediados do século V da nosa era.

Descrición

Estrutura xeral

O conxunto ocupa unha área de 1.500 m2 e está formado por unha vivenda principal e varias dependencias habitacionais e de traballo para a servidume, entre as que se puideron identificar almacéns, celeiros e cociña.

Á parte das edificacións tamén se conservou unha zona cos elementos característicos dunha salina.

As estruturas que vemos na actualidade correspóndese coas cimentacións dos edificios, non son as paredes propiamente ditas. Consérvanse algúns perpiaños traballados nos alicerces da fachada sur que nos dan idea da beleza das paredes exteriores. Mais todas esta beleza foi espoliada ao longo do tempo, tralo abandono desta vila romana.

Vivenda principal

É unha construción de planta rectangular de 41 metros de longo por 13,5 metros de largo, na que se aprecian dúas fachadas:

Fachada norte, na que observamos un característico corredor porticado.  Actualmente consérvanse as bases de cinco piares de perpiaño, sobre os que se disporían uns puntais de madeira.

Fachada sur, na que se pode apreciar unha forma de ábsida.

Dependencias

En total, entre as dependencias principais da casa e as destinas a servizos, este corpo principal conta con nove estancias.

A parte destinada a vivenda dos propietarios organízase a partir dun corredor exterior porticado ao longo da fachada norte, de 22 metros de longo, baixo o que se abren cinco entradas: unha para o triclinio, outra para a zona termal e tres portas máis para dar acceso a outras tantas estancias da vivenda. No extremo oeste do pórtico, a derradeira porta dá acceso a dúas dependencias separadas por un pequeno corredor interior. Unha das suposicións é a de que se trate dos dormitorios independentes do matrimonio propietario.

Triclinio: é a sala máis grande da vivenda, con 9,3 metros de longo e 5,9 de largo, na que podemos imaxinar con precisión a disposición orixinal do comedor coas bancadas acaroadas a tres paredes (triclinio) sobre as que se tombaban os invitados da familia. A porta de entrada está situada no lateral leste do pórtico e, dada a súa largura, estaba constituída por dúas follas sobre a gran soleira que conserva.

Oecus: trátase da outra gran sala do edificio e presenta tamén unha entrada de dobre folla ao corredor porticado, cunha fermosa soleira granítica (Arqueovigo), na que se observa a existencia de ocos para o encaixe da porta. Conta cunha pequena piscina interior, con escaleiras de pedra para introducirse na auga, que se supón que sería o frigidarium (auga máis fría). Esta piscina está situada nunha zona absidial desta sala, orientada ao sur. Nun dos recantos da sala podemos ver un fogar bastante ben conservado, con base de ladrillos cadrados e cerrado con pedras fincadas por tres dos seus laterais.

Termas: esta zona da vivenda está situada ao carón do oecus, dende o que se accede, e lindante co triclinio. Posúe dúas bañeiras, que posibelmente estarían destinadas a augas con diferentes temperaturas, previas á sala do frigidarium: tepidarium (auga morna) e caldarium (auga quente). A auga quente chegaba ata estas bañeiras a través dunha tubaxe de chumbo dende un bidón de cobre situado encima do forno que está nunha dependencia anexa á vivenda principal, na parte oeste do edificio. Nestas dependencias termais localizouse a existencia de mosaicos (Arqueovigo) con motivos xeométricos e vexetais.

Hipocausto: baixo a estancia termal e a sala oecus discorre o hipocausto (Arqueovigo), un subterráneo que sustenta o piso das dependencias superiores mediante pequenas columniñas de tixolos, nos dous primeiros tramos, e outras de pedra na última estancia. En total constátase a existencia duns 95 piares. A altura do hipocausto varía dende os 70 cm á entrada ata os 90 cm na parte final. A súa utilidade é semellante a un chan radiante, proporcionando calefacción por todo o piso das dependencias superiores. Esta calefacción subterránea, común a moitas vivendas romanas, e aínda en uso na actualidade en moitas casas de distintas zonas da península, funciona por aire quente producido pola queima de combustíbeis no devandito forno situado na entrada desta rede subterránea.

As estancias de servizos para a casa

Acaroadas á parede leste do edificio principal, con entradas independentes deste, atopamos tres estancias destinadas ao servizo da casa.

A máis grande, de 7 x 6,4 metros, con entrada polo sur, é onde se localiza o forno do hipocausto. Está a un nivel inferior ás outras dúas. O seu maior tamaño indícanos que puido estar destinada a outras funcións vinculadas con distintos traballos.

Dende esta sala accédese a unha cociña, mediante dous chanzos de elevación. A pesar do seu menor tamaño, 5,9 x 2,7 metros, nela atopáronse dúas lareiras, unha delas con piso de ladrillo rodeado de pedras.

A terceira estancia, cun tamaño de 5,9 x 3,8 metros, estaría destinada a almacén ou despensa, e a porta de acceso tena pola fachada norte. Nesta dependencia atopáronse restos cerámicos destinados a recipientes para a almacenaxe de produtos.

Edificación sur occidental

Na zona sur occidental do xacemento, a carón da pasarela de acceso principal á visita da vila romana atopamos unha edificación a medio escavar. Nel destaca a presenza dunha lareira apegada á parede oeste, xunta a porta de entrada. A existencia da lareira parece evidenciar que se tratase dunha vivenda secundaria.

Edificación norte

Está situada fronte ao pórtico do edificio principal. O seu tamaño de planta (16,5 x 20 metros) e a proximidade ás salinas fai pensar en que o seu uso estaría destinado a almacenaxe ou zona de traballo vinculada con esta explotación. Nesta construción pódense apreciar ata sete estancias.

A salina

Está situada na zona norte do xacigo e ten unha fasquía semellante ás Salinae existentes no centro da cidade. Está formadas por estanques que aproveitaban o movemento hídrico das mareas. Na actualidade podemos apreciar perfectamente as liñas de pedras fincadas que delimitan os distintos estanques. Tamén se poden observar diferentes niveis de asolagamento e estanquidade da auga do mar para a obtención do sal. Detectárose cinco estanques de asolagamento. A súa extensión total é descoñecida, mais considérase que ocupaba todo o espazo circundante da propiedade, ata o mar.

Estado de conservación

A musealización realizada permitiu sacar á luz un asentamento romano case completo. A súa conservación actual é moi boa e a atención ás persoas visitantes mediante visitas guiadas permite unha contemplación e comprensión suficientemente ampla do significado da romanización no noso municipio.

Valoración final

Esta foi outra das acertadas intervencións museísticas que poñen en valor o rico patrimonio arqueolóxico do concello de Vigo. A evidencia e importancia dos numerosos xacigos de época romana existentes no territorio municipal, principalmente vinculados ao litoral, resaltan o consolidado asentamento romano no municipio. Este destacado número de asentamentos tamén nos indican a existencia dunha considerábel poboación naquel período.

Os actuais xacigos musealizados no noso concello (Monte do Castro e as Salinae do Areal) son asemade unha chamada de atención á necesidade continuar traballando na súa conservación e difusión.

Máis información

Galería de imaxes.

Hidalgo Cuñarro, «Romanización«, en Arqueovigo.

Hidalgo Cuñarro, «Excavaciones arqueológicas en la villa romana de Toralla. Imágenes inéditas comentadas» (I, II, III, IV, V, VI, VII, VIII, IX, X, XI, XII, XIII), en Arqueovigo.

GALICIA E ROMA. A villa romana de Toralla.

Universidade de Vigo, «INVESTIGACIÓN E MUSEALIZACIÓN DA VILLA GALAICO ROMANA DE TORALLA«.

Universidade de Vigo, Modelo tridimensional en imaxes.

Navegadores GPS

Para chegar ata as Salinae podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.