Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Bembrive,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este devocionario está situado na rúa Baixada ao Castelo, concretamente no Torreiro da Parrocha. Hoxe en día este torreiro tradicional formado nunha encrucillada transformouse nunha rotonda de intersección de varios vieiros.
Podemos chegar ata este lugar dende o centro de Bembrive ou, máis directamente, dende o hospital do Meixoeiro.

Descrición

Exterior

A construción é de finais dos anos cincuenta e consta dunha fornela con remate superior abovedado.
Está integrada na parede exterior dun muro de feche dunha propiedade. Ten porta con cristal e forxados decorativos cruzando o van por detrás do vidro.
Na parte inferior atopamos unha rañura para a introdución de esmolas.

Interior

Recuberto con azulexo branco, posúe unha estatua de madeira representando o Sagrado Corazón de Xesús. Esta peza está rodeada de flores.

Estado de conservación

Está ben conservado e presenta flores e candeas que a xente da veciñanza segue depositando na actualidade.
Mágoa non ter ningún tipo de información sobre a súa orixe, características e tradición devocionaria. Isto é tanto máis importante canto que aínda viven algunhas das persoas que participaron na súa creación e posterior celebración ao longo de todos estes anos.

Valoración final

A imaxe foi doada por un matrimonio da parroquia de Bembrive. A partir dese momento a veciñanza decidiu erixir o pequeno templete e crear unha celebración anual ao redor da imaxe do Sagrado Corazón.
Durante o mes de xuño de cada ano (en datas variables) a veciñanza organiza unha romaría na contorna deste esmoleiro devocionario.
O máis característico desta romaría é a construción dun parapeto vexetal por diante da fornela, onde colocan a imaxe do Sagrado Corazón, toda ela acompañada de flores sobre teas brancas.
É tradición que durante todo o tempo que a imaxe permanece exposta no exterior baixo a cuberta vexetal, sempre hai unha persoa do lugar atendendo a imaxe, sen moverse do seu lado. Nas diferentes fotos que hai na galería de imaxes, cedidas por unha veciña do lugar, poden observarse estas cubertas vexetais.
Esta pequena festa, que normalmente dura dous días, conta cunha longa tradición e implantación que aparece normalmente recollida nos medios de comunicación locais.

Como curiosidade, chamamos a atención sobre os máis que probábeis ortóstatos de mámoas que amparan o muro dunha das propiedades deste torreiro. Na galería de imaxes que acompaña este artigo pode observarse con maior detalle este comentario.

Máis información

Galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Arquivado en: Bembrive,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

Está situado na encrucillada da rúa de Cacheno coa rúa Xesteira. Para chegardes a el, dende o centro da cidade, podedes saír cara a Beade á altura do seminario maior, pola vía de servizo e iredes directo ao cruceiro.

Trátase dun cruceiro de finais do s. XVIII, concretamente de 1782. É un dos máis monumentais e fermosos que temos en Vigo.

Descrición

Basa: plataforma de tres chanzos de forma cadrada. Pedestal cúbico con metade inferior cadrada e metade superior nacelada. Nesta concavidade, ao longo das catro caras, está a inscrición que nos indica a data e a persoa que o mandou construír.

Inscrición: «MANDO FAZ / ER FRCO ANO / FRS PATIÑO / AÑO D 1782».

Este pedestal remata na parte superior cun relevo circular de cubrición, a modo de tampa sobre a que se levanta o varal.

Varal: redondo e liso, mais fermosamente ornamentado cunha enorme serpe que se entrelaza verticalmente abrazando o varal enteiro. A cola desta serpe remata en tres puntas, a modo de pouta. A cabeza, na parte inferior do varal, leva na boca algo de difícil precisión, que se interpreta normalmente como a mazá da tentación.

Capitel: ten unha fermosa ornamentación composta por elementos florais envolvendo toda a súa base e as habituais volutas nos cantos superiores. En cada unha das caras están representados os símbolos da paixón. Coroa de espiñas baixo a figura da Virxe; caveira e ósos cruzados baixo a figura de Xesús; esqueira e tenaces nun lateral; martelo e cravos no outro lateral.

Cruz:completamente lisa e de forma cuadrangular.

Crucifixión: figura pouco desenvolvida na súa elavoración, cos brazos horizontais e minimamente resaltada con respecto á cruz. Destaca o rostro de Xesús, expresivo, ben perfilado e con barba circundando a parte inferior da cara. As pernas, inda que están flexionadas, non se separan da pedra.

A Piedade: Aínda que tampouco presenta unha elavoración que saliente especialmente, a Virxe aparece toda envolta nun gran manto que cobre os numerosos pregamentos da súa roupa. O seu rostro adopta unha expresión que non reflicte o dramatismo doutros cruceiros, senón unha severa serenidade dende uns enormes ollos que fitan ao lonxe coas mans entrelazadas no peito. A súa voluminosa figura rememóranos as palabras de Castelao no seu libro As cruces de pedra na Galiza, nas que salientaba o tamaño máis pequeno da figura de Cristo con respecto á voluminosidade da Virxe, tanto en corpo coma en manto, dicindo que no colo das nais todos os fillos son pequenos. O Cristo xacente sobre o seu colo adopta o rictus característico desta escena.

Aos pés desta figura observamos unha cabeza de querubín alado, cunha expresión de rostro e ollos semellantes aos da propia imaxe da Virxe.

Estado de conservación

Na actualidade é bo, pero hai que significar que se atopa no medio dun cruzamento de varias estradas, o que o pon en risco de ser derrubado por calquera vehículo, como sucede con tantos outros (aquí en Vigo temos o exemplo do marabilloso cruceiro de Sárdoma). Carece de calquera protección física que o defenda da circulación de coches e camións.

Por outra parte, a contorna está bastante afeada pola proliferación dunha caótica rede de cables aéreos que o arrodean. Tampouco ten ningunha sinalización nin comentario en cartel ou panel.

Máis información

Accedede a unha galería de imaxes desta fermosa obra de arte da nosa devoción popular.

Navegadores GPS

Tamén podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Están situados no lugar chamado Outeiro do Castro, preto da estrada do Fragoselo. Están formados por dous conxuntos de gravados: un deles situado no cumio do outeiro, repartido en pedras fracturadas; o outro, que aquí mostramos, está un pouco máis abaixo, a uns dez metros de distancia, ao pé da verea, sobre unha laxe de 2m x 3m.

Descrición

Laxe sur

A laxe está fracturada en tres partes, e en cada unha delas hai figuras representadas.

Na parte esquerda hai tres gravados de círculos concéntricos: un incompleto no bordo da pedra; ao seu carón, outro con coviña central e dous círculos; máis á dereita un terceiro gravado con coviña central e tres círculos concéntricos.

Na parte central poden verse tres gravados circulares: o máis próximo a nós, de difícil apreciación, ten coviña central, un primeiro círculo completo e un segundo círculo incompleto; a seguir outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central; finalmente, outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central tamén.

Na parte dereita distínguense dous gravados circulares con tres circos concéntricos e coviña central.

Laxe do outeiro

Na zona superior do outeiro, as laxes teñen diferentes gravados bastante interesantes tamén.

Muíños naviculares: no bordo da zona sur da laxe superior, atopamos dous muíños naviculares cos seus correspondentes rebaixes dos extremos.

Reticulares: a continuación dos muíños, podemos observar varios gravados con motivos reticulares.

1º Reticulado: cando menos pódense observar dez fileiras de cuadrículas nunha das orientacións do taboleiro.

2º Reticulado: é de tamaño inferior e apenas se poden apreciar o número posíbel de cuadrículas.

Coviñas: finalmente, a uns cinco metros ao leste dos anteriores gravados, observaremos sen problema dúas coviñas dun tamaño medio.

Estado de conservación

Como podemos ver nas fotos, non hai coidado das pedras, xa que o lique e o carrizo invaden os gravados pouco a pouco.

Tampouco hai panel informativo con fotos ou debuxos dos gravados que permitan unha clara observación sen necesidade de ocasionar ningunha agresión indesexesábel.

Falta tamén, coma en case todos, unha información sobre como debemos “portarnos” ante un gravado rupestre, que precaucións debemos gardar, etc.

Outra información

Podedes acceder a unha galería de imaxes destes petróglifos.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)