Localización
No barrio da Moo, parroquia de Matamá, está situado este petróglifo vigués, un dos máis emblemáticos e representativos do noso repertorio rupestre por ser a única representación dun cervo existente no noso concello.
Hai que dirixirse á estrada Baixada da Moo, a carón do segundo cinto de circunvalación de Vigo, no monte que hai detrás da única casa que se atopa ao lado da ponte que atravesa a autovía, atoparedes un interesante conxunto de varias rochas ricamente gravadas con diversos motivos rupestres.
O motivo deste artigo é a rocha que contén o denominado “cervo das Millaradas”. De entrada non é doado dar con esta figura, xa que hai moita maleza e dependendo de como medre, pode resultar complicado dar con ela, a pesar de que o mato onde se atopa está delimitado.
Descrición
A rocha na que está gravado mide 5 m x 2,2 m. Ten unha lixeira inclinación que a fai oscilar entre os 20 cm e os 40 cm de altura.
A figura do cervo mide 42 cm de longo e 38 cm de altura.
O corpo representa unha fermosa silueta estilizada de cérvido, con liñas que acentúan a actitude de movemento do animal. Apréciase que non é unha figura estática: o arqueamento das patas, xunto coa inclinación que presentan con respecto ao corpo expresan esa actitude de mobilidade.
A silueta está interrompida nas patas traseiras, xa que non teñen punto de unión baixo o corpo do cervo. Isto permítenos supoñer que o silueteado comeza e remata en cada unha destas patas.
A cabeza contén un trazo interior, tamén arqueado, co que buscaron representar a boca do animal. Sobre a cabeza destaca unha espléndida cornamenta, tamén mantendo a liña arqueada dos outros trazos do seu corpo, matizando dúas puntas interiores en cada corno. O debuxo redondo do arqueado enfrontado de ambos os cornos fai semellar un círculo concéntrico aberto pola parte superior.
Na parte traseira do animal, o lugar do rabo aparece representado cun círculo pechado apegado á traseira do animal..
Ao redor da figura podemos ver dúas coviñas: unha entre a cornamenta e o lombo; outra baixo as patas dianteiras.
Diante do gravado do cervo temos dous círculos concéntricos con coviña central: o exterior mide 22 cm de diámetro e o interior mide 12 cm.
Estado de conservación
En repetidas ocasión que visitamos este gravado, aparece ás veces sobre trazado con pedras ou outros elementos. Este tipo de agresión sabemos que levará en pouco tempo á súa alteración e posterior desaparición.
Non hai ningún tipo de información sobre o coidado especial que hai que ter durante a visita destas figuras. É necesario insistir no perigoso que resulta para os gravados que se sobretracen con calquera material.
O perigo de incendio de toda a maleza que arrodea a figura é outro dos perigos que o acosan, mais ao mesmo tempo tamén o ocultan de visitas pouco respectuosas.
Valoración final
Canto máis oculto está un gravado rupestre, menos perigo de agresións humanas vai ter (sacado que se trate dun lugar no que se desenvolvan traballos agrícolas ou forestais).
Se os expoñemos á vista e visita da xente, o perigo que corren é enorme cando se deixan á intemperie e libre albedrío das persoas que se achegan. Se se opta pola súa exposición, e imprescindíbel que se dispoña a máxima información posíbel para evitar calquera agresión. Canta máis información, mellor: debuxos e fotografías dos gravados, para que non teñan que sobretrazalos; información contextual da datación e figuración representada; delimitación ben patente do lugar e da rocha; información exhaustiva de como comportarse ante un gravado e as precaucións e prohibicións máis importantes; concienciación da necesidade de contribuír á súa preservación non pisando, nin sobredebuxando, nin tocando os gravados, etc.
Apenas se poden contar cos dedos dunha man os gravados rupestres en Vigo que neste momento teña in situ este tipo de información.
Non houbo ata agora unha administración municipal que acometese este labor tan necesario e importante. Un patrimonio tan milenario e misterioso nos seus significados para nós estamos deixando que se degrade a unha velocidade como nunca antes existira, tendo máis protección “administrativa” ca nunca, pero cunha atención moi insuficiente con respecto ao interese cada vez maior que espertan na sociedade.
Máis información
Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)