Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Mámoa Subida á Madroa ILocalización

(Ver en Google Maps)

O lugar onde está situada esta mámoa –ou o que dela queda- chama bastante a atención no tocante á supervivencia ata a actualidade.

Atopámola ao lado dunha urbanización de vivendas e da estrada que comunica cos campos de fútbol da Madroa e a asociación veciñal de Candeán.

É a primeira mámoa coa que comeza –ou remata, segundo por onde se comece o percorrido- a Ruta das mámoas de Candeán.

Descrición

A mámoa aínda conserva túmulo e varios ortóstatos a pesar nas penosas condicións en que se atopa e da dificultade para podermos vela cun mínimo de claridade.

Para que sirva de orientación ás persoas que se aventuren a atopar esta mámoa, pasamos a darlle unha descrición dos dous elementos principais que conserva.

100_8879Tumúlo: a pesar de estar completamente cuberto de maleza, podemos observar a elevación que presenta sobre a horizontal do terreo. Nalgún punto pode chegar a 1 m de altura. As súas dimensións son de 16 m no eixe N/S e de 13,5 m no eixe L/O.

Cámara: está formada por catro lousas verticais que afloran dentro do cono de violación da mámoa. Dous dos chantos sobresaen uns corenta centímetros do chan. Apegado completamente a estes chantos medra unha árbore.

 

Estado de conservación

Calquera persoa que se achegue a este lugar, a primeira sorpresa que levará será a de preguntarse se alí hai realmente unha mámoa, porque parece case imposíbel e incríbel que poida existir un xacemento de varios milenios naquela parcela de terreo.

O estado en que se atopa é tan deplorábel que un se pregunta onde está a Administración –sexa cal for- que non fai nada por salvar o que queda desta mámoa.

O estado en que está clama ao ceo máxime cando é o punto de partida da única ruta neolítica que temos neste momento en Vigo.

A mámoa, como xa dixemos está completamente cuberta de maleza; ten varias árbores encima e está cortada polo muro de peche dunha propiedade lindeira polo seu lado oeste e cortada tamén pola estrada asfaltada que pasa a rentes polo norte dela.

Asemade esta mámoa converteuse nun punto de acumulación de restrollos de labores no propio terreo.

Non hai letreiros informativos de ningún tipo, nin sequera o letreiro oficial de comezo de ruta arqueolóxica, xa que hai varios paneis ao longo do percorrido, mais ninguén podería pensar que esta ruta das mámoas de Candeán comeza precisamente aquí.

100_8878Valoración final

Como se pode promover dende a administración local a creación e difusión dunha fermosísima ruta neolítica pola parroquia de Candeán e logo deixala tan abandonada?

Imaxinemos calquera persoa que queira facela e veña ata este punto de inicio, que vai atopar? Se puider atopar algo debaixo de tanta maleza terá que facer un exercicio de adiviñación para precisar a amplitude do túmulo e despois intentar localizar as puntas superiores dos ortóstatos que afloran sobre a superficie do terreo.

Nas fichas do catálogo do PXOM de Vigo figura expresamente como “melloras necesarias”: “Cómpre negociar co propietario do muro de peche que corta o túmulo a adquisición dos terreos afectados pola protección integral do xacemento”.

Moi explícito este apuntamento. O mal xa está feito; durante moitos anos estivéronse levantando edificacións que estragaron unha boa parte do noso patrimonio colectivo sen que se executase un control específico das afectacións. Corporacións desinteresadas, desatentas, insensíbeis ou mesmo condescendentes. E dicimos corporacións e non gobernos, porque a responsabilidade administrativa non só corresponde ao partido que goberne nese momento, senón a todas as forzas políticas representadas na corporación municipal.

A veciñanza, en moitos casos, actúa por descoñecemento do dano real que está provocando, mais as corporacións municipais nunca poden actuar por descoñecemento; para iso están as catalogacións e informes técnicos oportunos.

Actualización 2020:

En xullo de 2020 fixemos un novo percorrido e atopamos que esta mámoa está inaccesible debido á abundante vexetación que existe no lugar. Estas son as imaxes desta visita:

IMG_20200628_195132 IMG_20200628_195150 IMG_20200628_195036

 

Como pode observarse nas imaxes, toda a parcela está completamente ateigada de maleza, fentos, toxos…

Tampouco existe ningún tipo de sinalización para localizala nin ningún cartel con información sobre as características desta mámoa.

Se este é o comezo do percorrido oficial da ruta das mámoas de Candeán, calquera visitante levará unha primeira decepción e frustración ante o desleixo que a Administración local amosa coa conservación e posta en valor deste atractivo cultural tan importante e histórico que posúe o concello de Vigo.

Para saber máis

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Amigos do arqueolóxico. Megálitos de Pontevedra. (Con debuxo esquemático e fotografía).

Galería de imaxes

Podedes acceder á galería fotográfica desta mámoa.

Ruta das mámoas de Candeán