Patrimonio cultural de Vigo

-

Mámoa II da Chan dos Touciños (Candeán)

Situación

Esta mámoa está na Ruta das mámoas de Candeán e forma parte do grupo da Chan dos Touciños integrado por catro mámoas situadas nas proximidades do cemiterio privado de Candeán. Das catro que forman este grupo é a menos visíbel por non estar á beira do camiño da ruta, mais é doada de atopar no propio lugar, a uns metros da Mámoa I.

O mellor acceso é dende a zona do cemiterio, onde atopamos un pequeno cartel cun carreiro ao seu pé que nos conduce directamente a ela.

Descrición

A mámoa ten 16 m (N/S) x 14 m (L/O). A altura aproximada é de 1,5 m.

Cámara: presenta en total 9 ortóstatos na actualidade. Ata hai poucos anos aínda presentaba a pedra da cuberta, hoxe desaparecida. Comprobádeo na foto da páxina web de Amigos do Arqueolóxico. Na actualidade, podemos contar, polo tanto, 7 chantos na cámara e 2 no corredor, polo menos visíbeis, aínda que no estudo realizado por patrimonio histórico do concello de Vigo, no que tamén figura a tapa, aparecen tres chantos no corredor.

Hai numerosas pedras pequenas soltas por todo o túmulo, principalmente perceptíbeis xunta o corredor, que quizais formasen parte da súa coiraza.

O interesante desta mámoa é observar o número de chantos que aínda conserva e na que podemos apreciar o inicio do corredor xunto coa súa orientación: sueste.

Estado de conservación

O exceso de vexetación e maleza que hai ao seu arredor dificulta un pouco a súa inmediata localización. Está bastante descoidada, sen ningunha limpeza. Con árbores que medran libremente sobre o túmulo. A única sinalización con que conta é o pequeno letreiro que hai no camiño principal.

Botamos de menos unha maior e máis adecuada información in situ sobre a verdadeira importancia desta mámoa, tanto pola súa conservación como polas características que acabamos de describir.

Se queremos promover unha Ruta das mámoas de Candeán, o menos que se pode facer por parte da administración –principalmente a local- é realizar un labor de conservación e posta en valor á altura do que se quere transmitir ás persoas que realizan este percorrido. Dende logo, para atoparmos algunhas mámoas no estado en que están, mellor sería ter deixado o proxecto desta ruta para o momento en que realmente se faga ben. Agora mesmo, ante a falta de información e recomendacións sobre como visitar estes monumentos, calquera persoa pode tripar tranquilamente os túmulos e outro tipo de agresión que, co aumento de visitantes, só poden ir en detrimento da conservación deste patrimonio.

É necesario que fagamos unha correcta posta en valor do noso megalitismo, mais con toda a responsabilidade e despregue de medios por parte das entidades implicadas. Un simple letreiriño diante dunha mámoa, sen ningunha outra indicación de medidas de precaución por parte das persoas visitantes non garante en nada o seu futuro a medio ou longo prazo.

Valoración final

Esta é unha mámoa bastante completa en número de ortóstatos e representativa da configuración habitual destes megálitos. Conserva tamén bastante masa tumular, así como os típicos cachotes espallados polo túmulo pertencentes posibelmente á coiraza. Polo tanto consideramos que é un espléndido exemplar que pode servir de mostra e estudo do que os nosos devanceiros expresaron a través destas construcións.

Hai consideracións que, cando menos, podemos conxecturar acerca da posíbel visión e concepción da morte que os habitantes do neolítico podían ter naquel momento.

Lembremos que estas construcións, nalgúns casos ciclópeas para a tecnoloxía lítica da época, eran realizadas para ser “vistas e habitadas” polos mortos, xa que, logo da construción da cámara megalítica, era cuberta de terra quedando fóra da vista das persoas. Por outra parte, non nos consta que os habitantes do neolítico vivisen en construcións de pedra, o que lle dá moita máis importancia ao feito de que as “vivendas” dos mortos fosen realizadas con semellante esforzo.

É unha mágoa que desaparecese a pedra da cuberta, inexplicábel a estas alturas e despois de ter realizado a correspondente prospección oficial, seguramente por falta das oportunas precaucións por parte das entidades responsábeis da súa conservación.

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información na web:

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

Petróglifo do Viveiro II (Coruxo)

Gardado en: Coruxo, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Fotografías: Angel de Prado.

Situación: Do grupo que forman as cinco rochas do Viveiro este é o máis afastado do conxunto, podemos chegar a el baixando pola pista que vai ao petróglifo da Lapa Furada. A rocha atoparémola sobresaínte no bordo da vertente.

Descrición: Na rocha aprécianse oito coviñas enriba, aínda ben visíbeis, nunha superficie de 1,40 x 0,60 m.

Estado de conservación: Onde está situado fixeron unha corta e os eucaliptos comezan a medrar, o que provoca que desde a pista non se mire esta rocha. Por outra parte, un pouco máis arriba da rocha deixaron amoreado todos os restos da corta. Cabe sinalar que se este amontoamento de troncos se chega a facer un pouco máis abaixo, taparían a rocha. Queremos supoñer que os responsábeis destas árbores coñecen a situación destes xacigos arqueolóxicos.

Valoración final: Ten unhas boas vistas á ría e á cidade, que en canto medren as árbores desaparecerá.

Hai que poñer en evidencia que o día que se fixeron estas fotos baixaban por esa pista camións formigoneiras para unha obra que están facendo máis abaixo, nas ultimas casas que hai antes do monte. Salientamos este feito e a súa gravidade por canto en vez de acceder pola parte inferior á obra, os camións soben ata a capela de San Sebastián, seguen pola pista cara a Oia e logo baixan pola pista que vai a Lapa Furada; a continuación pasa polo Viveiro V e van dar ás casas do barrio de Burdés.

O caso é que, coas fochas da pista, os camións van deixando regueiros de formigón polo camiño. Unha cousa que sempre nos chamou a atención é que non importa o afastados das pistas e sendeiros que nos atopemos, incluso estando no máis mesto do bosque, sempre atopamos lixo por onde vaiamos: latas de refrescos, bolsas plásticas, botellas, latas de aceites dos que traballan con maquinarias, rodas, colchóns restos de electrodomésticos, etc.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Mámoa destruída do Rebullón

Gardado en: Mámoas — Xosé Couñago @ -

Fotografías: Angel de Prado.

Situación: os restos destas mámoas estaban situados no límite entre Vigo e Mos. As fotos que vos mostramos falan por si mesmas do lugar e contexto urbanístico en que se atopaban. Agora xa non están alí, as pedras foron levadas para o centro cultural As Pedriñas de Mos no que se levou a cabo unha reconstrución de dous túmulos nos que se chantaron as pedras.

Descrición: tal como figuran nas fotos iniciais, despois da destrución, do túmulo non ficou nada, só os chantos do dolmen amoreados entre as diferentes estradas, autovías e autoestradas que conflúen ao redor do alto de Puxeiros e o Rebullón.

No lugar da reconstrución hai un ilexíbel cartel no que só se entende o título: “Restitución dos túmulos 3 e 4 do Rebullón”.

Dolmen 1: está formado por sete chantos. A disposición da reconstrución actual do dolmen é completamente circular.

Dolmen 2: está formado por seis chantos. Ábrese cun corredor aberto ao exterior do túmulo.

Estado de conservación: a descontextualización destas mámoas é total. Só as persoas iniciadas no seu coñecemento son capaces de recoñecelas ao achegarse a elas. Non hai ningún cartel en condicións que nos fale do que son, da súa historia, do seu significado e utilización. O único indicador existente está xa borrado polo tempo. Non hai tampouco ningún cartel que informe das precaucións que deben adoptarse para evitar o seu deterioro e agresión (nas fotos pode verse que o seu interior úsase como depósito de mochilas polos rapaces que xogan sobre elas).

Dende aquí instamos ao concello de Mos para que se responsabilice da súa conservación e adecuada posta en valor. Os colectivos privados, como é o caso deste centro cultural, poden saber máis ou menos como actuar para a súa conservación, mais son as administracións -comezando pola local, que é a principal implicada- as que deben aplicar todas as medidas que están ao seu alcance para velar pola súa correcta protección. Neste caso vese claramente que non é así. Este concello non é o único caso que padece: máis grave é o dos restos dos dolmens destruídos que hai dentro do Mercantil, en completo abandono e sen ningún tipo de medidas adopadas ata a actualidade.

Valoración final: nun país tan rico en vestixios arqueolóxicos do poboamento tan numeroso que existiu ao longo da historia no noso territorio, as necesidades actuais de estender o progreso das comunicacións e o hábitat urbanístico chocan constantemente coa conservación deste legado. Á vista das numerosas destrucións de patrimonio arqueolóxico que se están producindo, preguntámonos se está correctamente regulado o protocolo de actuación ante estes casos, ou tan sequera se existe tal disposición.

Lévase destruído máis patrimonio arqueolóxico nos poucos anos que levamos de democracia ca todo o que se destruíu ata entón. Mámoas arrasadas por traballos intensivos forestais, novas vías de comunicación, tendidos eléctricos, construcións urbanísticas… O mesmo sucede cos petróglifos e os castros. Feitos consumados, en moitas ocasións, que puideron ser previdos co suficiente control e sensibilización das diferentes administracións.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

As mámoas destruídas do Mercantil

Gardado en: Mámoas — Xosé Couñago @ -

Situación: nos lindeiros entre Vigo e Mos, dentro do Círculo Mercantil de Vigo.

Conforme entrades polo parque do Mercantil podedes recrearvos na única sobrevivente da incomprensíbel desfeita que sufriron estes enterramentos neolíticos que se atopaban dentro da propiedade (?) que este club privado ten nos límites entre Vigo e Mos.

Ao carón da mámoa que se conserva na entrada podedes observar numerosos chantos ciscados por diversos lugares ao seu arredor pertencentes a outras mámoas destruídas.

Se vos achegades ao campo de fútbol atoparedes o espectáculo denigrante e repulsivo que vos amosamos nestas fotos: unha serie de chantos, pertencentes a varias mámoas, acantoados ao pé do valado resultantes do arrasamento da zona para a construción do campo de xogo. E aínda permanecen alí tirados.

Descrición: a) restos esparexidos na entrada principal: á esquerda da entrada podedes ver varios chantos pertencentes a mámoas destruídas. Son de considerábel tamaño e están esparexidos sobre a herba, empregados como decoración pétrea. A beleza destes megálitos leva a que a pesar da súa destrución poidan ser utilizalos como decoración de xardín. Podedes atopar varios grupos de chantos en diferentes sitios: á esquerda e á dereita da mámoa conservada na entrada; nunha esquina do aparcadoiro hai outro gran chanto illado; preto do campo de fútbol hai máis chantos ciscados…

b) restos dun dolmen detrás da portería do campo de fútbol: son sete chantos amoreados, o número habitual dunha mámoa completa. Están cubertos de herba e espallados en ringleira. Podedes velos tranquilamente se ides por fóra do recinto á beira dos chalés (esa é outra: cantas mámoas arrasaron os chalés alí construídos?).

c) restos doutro dolmen no campo de fútbol de terra: son outros sete chantos en ringleira apegados ao valado metálico. A imaxe é patética e esperpéntica: un campo de terra aberto que parece resultar máis importante ca a posta en valor destas mámoas para o paseo, lecer e aprendizaxe da nosa historia e arte ao aire libre para as persoas visitantes e usuarias deste club privado.

Valoración final: en canto ao acantoamento dos restos mortais destes fermosísimos legados megalíticos da nosa antigüidade e a vergoñenta intervención por parte de todos os que permitiron que isto ocorrese e que aínda se manteña, podemos apuntar, cando menos, que no sur de Ourense, no val do Salas, no concello de Muíños –moi preto do Couto Mixto-, cando se construíu o encoro actual tiveron cando menos a sensibilidade de volver a reconstruír dous dolmens nunha zona máis elevada (a Casola do Foxo e a Casiña da Moura), que hoxe son un dos principais atractivos históricos da zona.

Cando se construíu o cemiterio privado de Candeán, unha mámoa que quedaba dentro do recinto (Mámoa IV da Chan dos Touciños) foi conservada e mesmo destacada dentro do conxunto. Hoxe en día o cartel publicitario deste cemiterio leva como emblema o debuxo dun dolmen. Outro intento de restitución dunha destrución de dúas mámoas témolo tamén no límite Vigo e Mos: as mámoas 3 e 4 do Rebullón, destruídas pola construción das autoestradas de Baiona e Tui e que hoxe se poden ver reconstruídas nun centro cultural.

Que administración permitiu que se cometese a barbaridade que aínda hoxe se amosa descaradamente á vista no recinto do Mercantil? E mencionamos directamente as administracións porque son as principais responsábeis de que isto non poida ocorrer (concello de Mos e Delegación Provincial de Cultura).

A ignorancia de non saber facer convivir o progreso e a presión de usos privados da natureza coa conservación do noso patrimonio histórico máis antigo leva incluso que se poida exhibir tranquilamente na actualidade a barbarie do delito cometido no seu momento.

É necesario que se produza agora unha adecuada intervención da administración que preserve cando menos con dignidade os restos das numerosas mámoas que se aniquilaron neste lugar e que están tiradas e amoreadas de calquera maneira por distintos lugares deste recinto.

A vergonza e indignación que produce o espectáculo do estado actual de conservación dos chantos que aínda sobreviven clama ao ceo.

As imaxes que hoxe ofrecemos neste artigo tráennos á memoria unha frase pronunciada por don Isaac Díaz Pardo ao final dun dos seus elocuentes e aleccionadores discursos: “Que marabilla de país, pero que carallada de xente”.

Podedes ver máis fotos premendo sobre este enlace.

-

Petróglifo da Chan de Arriba (Coruxo)

Gardado en: Coruxo, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Fotografías: Angel de Prado.

Situación: está no lugar de Fragoselo, na parroquia de Coruxo. A chegada a este lugar non é doada por non estar preto dunha pista principal de comunicación. Imprimide a imaxe detallada ou descargade a posición GPS da súa localización.

Descrición: trátase dunha rocha na que aparece unha figura oval formada por máis de 70 cazoletiñas. Ten un diámetro maior de 2,45 m e un diámetro menor de 1,80 m.

Estado de conservación: consérvase en bo estado e cun letreiro localizador de madeira.

Valoración final: é unha representación rara en canto á disposición das coviñas formando un óvalo. Non aparece asociada a outros gravados (só hai dúas cazoletas illadas ao seu redor). Está próxima a outra estación de petróglifos que en cambio está profusamente decorada, a Chan Grande, pertencente xa a Oia, a uns 200 m cara ao oeste.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Petróglifo das Leixiades 1 / O Pontón (Coruxo)

Gardado en: Coruxo, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Fotografías: Angel de Prado.

Situación: podemos atopalo, con certa dificultade, próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas.

Forma parte dun conxunto de once estacións de gravados que hai nesta contorna.

Descrición: o conxunto está formado por 6 rochas gravadas con distintos motivos.

A) unha rocha cun gravado navicular con cadanseu rebaixe nos extremos.

B) Dous metros ao sur desta hai unha rocha con dous gravados naviculares, con cadanseu rebaixe nos extremos, máis dúas coviñas a carón dun dos naviculares.

C) O máis interesante é a figura serpentiforme –que aparece nalgún outro petróglifo de Vigo, p.e., A Chan Grande en Oia-, cuns 80 cm de lonxitude e ondulante de norte a sur. No resto da rocha podemos apreciar sucos indeterminados unindo cazoleta de distintos diámetros, entre 4 cm e 9 cm. Tamén chegamos a ver un círculo case completo, duns 40 cm de diámetro, con diversos sucos dentro e fóra del.

D) Nesta rocha temos a representación máis destacábel do conxunto. Trátase de 3 circos concéntricos, de 34 cm de diámetro, con suco de entrada-saída (nordés-suroeste) e cazoletiña central. No extremo deste suco apreciamos dous circos concéntricos incompletos con coviñas entre os seus sucos. Na zona oeste desta rocha hai unha figura circular con coviñas ao seu redor e algún suco indeterminado.

E) Nesta rocha hai un gravado formado por 2 circos concéntricos con coviña central.

F) Uns 6 m cara ao leste hai outra rocha que presenta un gravado formado por 4 circos concéntricos con coviña central e un pequeno suco. Ao seu lado hai varios sucos curvilíneos en disposición paralela.

Estado de conservación: o exceso de árbores invasoras que hai ao seu arredor, tan prexudiciais tamén para o resto da vexetación, impide que entre a luz tan necesaria para a perfecta visión destes gravados. Por outra parte, o crecemento destas árbores entre as propias rochas provoca unha agresión directa sobre a súa conservación.

Tampouco existe ningún tipo de paneis e indicadores, con información precisa e específica sobre eles que permita a súa visión e comprensión sen necesidade de repasalos con obxectos que poidan causar danos irreparábeis nos sucos, xa de seu bastante desgastados.

Valoración final: visitar os nosos petróglifos é unha odisea en moitos casos debido á dificultade de localización.

Un patrimonio tan fermoso, tan milenario, tan enigmático no seu significado, tan admirábel pola beleza da súa realización; un patrimonio que tanto significou para os nosos antepasados e que agora esmoreza baixo a maleza, ou desapareza baixo as desconsideradas gadoupas da presión urbanística e o progreso.

Merecemos que nos abran os lugares de lecer das nosas zonas forestais para o paseo natural e tamén cultural. Queremos descontaminarnos da cidade nos aínda grandes bosques periurbanos que temos pateando entre unha cultura milenaria que entre todos podemos contribuír a conservar e divulgar.

Nada se perde nin se deteriora se poñemos o empeño en que non suceda.

Mais para iso cómpren unhas administracións –principiando pola municipal- que saiban implicar a todos os sectores da sociedade interesados en que a nosa cultura máis antiga exista e deixe de ser ocultada e permanecer agochada da vista da xente. Así non a conservamos mellor; así só a tapamos con terra ou maleza para que ninguén se achegue a ela.

Nós sentímonos responsábeis de cada pedra gravada hai miles de anos polas mans que hoxe levamos nos nosos xenes. Queremos contribuír a facer o posíbel para que este patrimonio sexa de todos, estea mellor conservado e se promova unha responsabilidade pola súa conservación e transmisión entre toda a cidadanía.

Os representantes que eliximos ano tras ano, cada lexislatura dun partido diferente, non o están facendo, e nós, mentres, lamentando ver todo este irrepetíbel patrimonio á deriva.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Castro de Vigo

Gardado en: Castros, Centro — Etiquetas: — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado.

Situación: é o castro urbano de Vigo e está no corazón da cidade, no monte que leva o seu nome, hoxe en día un gran parque con moi diferentes utilizacións e variedade de zonas de diverso interese. Dos vinte e sete castros catalogados en Vigo este podería ser neste momento o máis interesante en canto á súa difusión e achegamento de persoas a visitalo, tanto polo tamaño das escavacións ata agora levadas a cabo como pola dimensión do que aínda queda por desenterrar. A súa céntrica situación permite un doado acceso dende calquera punto do concello.

Descrición: o estado actual de conservación non permite apreciar diversos detalles interesantes. Comezaremos esta descrición dende o lado norte, colocándonos na rúa principal que pasa por diante do castro.

A primeira construción que teriamos no extremo esquerdo é unha construción das máis antigas, escavada na propia rocha e que aínda conserva o fogar (o malo é que o estado actual non permite apreciar ningunha destas dúas curiosidades).

Un pouco máis arriba desta construción hai outra semicircular que tamén contén un fogar no centro, que podedes enxergar entre a herba. Ao seu redor podemos ver muros que serven de peche.

Á dereita destas primeiras construcións, baixo unha árbore, atopamos un conxunto importante. Dúas cabanas con cadanseu peche polo exterior; unha circular e outra elíptica. A elíptica tamén conserva o lar no interior.

Á dereita delas atopamos outra peza salientábel: unha vivenda circular (conservada só pola metade) que presenta un lar bastante completo no interior, coa particularidade de conservar as lousas verticais que o fechan arredor e estar acaroado a unha das paredes.

Na zona central do recinto actual observamos outro conxunto formado por unha construción circular e outra rectangular, acompañadas doutras formas á súa esquerda tamén circulares ou irregulares.

Á dereita deste conxunto na parte superior do recinto hai unha construción rectangular cun fogar no centro. Atravesando esta construción, discorre unha canle que posibelmente puido ser para recoller augas.

Na parte inferior do recinto vemos dúas construcións de fasquía cuadrangular.

Finalmente, no extremo dereito do recinto hai varias construcións circulares, unha delas completa, outra ao seu lado incompleta cun muro recto cerrándoa, e finalmente unha terceira, máis próxima a nós, tamén incompleta, por estar cortada pola beirarrúa na que nos atopamos.

Estado de conservación: as imaxes que se mostran evidencian o actual estado de total abandono. Só existe unha antiga guía didáctica de visita, publicada no ano 1997 polo museo de Castrelos (hoxe quizais descatalogada). Non hai actualizacións nin de carteis, nin de guías didácticas, nin indicadores adecuados. O total estado de abandono que sofre faino vítima de actos vandálicos decote denunciados nos medios de comunicación. (A noticia que reproducimos é do 30 de maio de 2008; as fotos son do 5 de xullo. O “corte de pelo” que lle pasaron correspóndese cos labores habituais de conservación da herba do propio parque que o rodea). Mais isto chega a ser normal cando a propia administración é a primeira en descoidar a súa obrigación de manter vivo un patrimonio tan importante para a cidade. E xa pasaron gobernos de todas as cores por este concello e todo segue igual. A concellaría de Cultura semella sentarlle moi grande a todas as persoas que pasaron por este cargo, foren da cor que foren.

Valoración final: O castro de Vigo é un dos catro elementos arqueolóxicos que están en terreos municipais. Cada un destes elementos pertence, ademais, a un período histórico diferente: a mámoa neolítica “Casa dos Mouros” de Candeán, o conxunto rupestre da idade do bronce da Laxe en Sárdoma, e a vila romana de Toralla en Coruxo.

Só a vila romana de Toralla presentou algunha intervencións nos últimos anos;  hoxe en día xa é un lugar de visitas arqueolóxicas en Vigo.

A mámoa de Candeán foi incluída na ruta das mámoas de Candeán, mais alí quedou, sen ningunha outra intervención municipal que traballe unha liña de posta en valor didáctica deste elemento patrimonial de control directo do concello.

Os petróglifos da Laxe foron salvados grazas a unha permuta urbanística no seu momento, mais tamén alí ficou abandonado dende entón.

Mais se nos fixamos un pouco, decatarémonos que estes catro elementos xuntos e sumados permitirían un paseo didáctico polos principais períodos históricos da antigüidade. Permitiría a creación de roteiros educativos, culturais, arqueolóxicos… este é un castro moi incompleto aínda. O día que alguén se decida a continuar coa súa escavación teremos a nosa propia “casa dos antepasados” no corazón mesmo da cidade, para goce de todos nós, dos escolares que se acheguen a aprender a historia in situ e dos milleiros de visitantes que se moven por Vigo cada ano.

Máis información sobre os castros e a cultura castrexa de Vigo.

Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro: ten un excelente Blog sobre a nosa arqueoloxía, entre outros.

Xosé Maneul Hidalgo Cuñarro, El bifaz paleolítico del Castro de Vigo, en Vigoarqueolóxico.

Rafael Ojea: unha ampla publicación web sobre o patrimonio de Vigo.

Uxío Noceda: unha curiosa web que non deixa indiferente.

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Proxecto de musealización do castro de Vigo.

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

« Newer PostsArtigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.