Patrimonio cultural de Vigo

-

Petróglifos do Carballoso V. Monte Pequeno (Oia)

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -


Imaxes: Ángel de Prado

Localización

Este conxunto de gravados están situados no Monte Pequeno. O acceso é moi difícil xa que non hai puntos de referencia concretos que nos permitan orientarnos. Encóntrase a uns 200 metros ao noroeste do Carballoso IV, baixando polo mesmo camiño ata chegar preto das primeiras casas.

Forma parte do conxunto de cinco estacións de gravados rupestres denominados petróglifos do Carballoso.

Descrición

Un conxunto moi interesante, aínda que bastante estragado, situado sobre unha rocha fraccionada en tres partes, de 2,5 x 3,5 metros.

En cada unha das tres partes existen gravados de diferentes motivos.

Zona 1: combinación de 4 círculos concéntricos incompletos, con coviña central e suco de saída. A fractura da pedra interrompe a continuidade dos sucos circulares. Asociados ao círculo exterior hai un conxunto de cinco coviñas encerradas por sucos. A 50 cm desta figura podemos ver unha pequena cazoleta.

Zona 2: interesante conxunto de catro naviculares asociados a sucos e numerosas coviñas e cazoletas.

Naviculares: os catro manteñen a típica forma de rebaixe central con cadanseu rebaixe menor nos extremos. O conxunto presenta unha lixeira orientación radial. Chama a atención que nos dous centrais haxa dúas coviñas e unha gran cazoleta superpostas no seu interior. Isto pódenos facer pensar na contemporaneidade destes dous tipos de gravados.

Ao redor das formas naviculares podemos observar numerosas coviñas -unhas dispersas, outras agrupadas- e diversos sucos, algúns deles arrodeando unha agrupación de coviñas –no lateral dun dos naviculares-.

Zona 3: trala segunda fractura da rocha atopamos esta terceira zona na que, con dificultade, se poden chegar a apreciar algúns sucos e varias coviñas, algunhas delas agrupadas nun conxunto. Tamén se pode ver unha pequena cazoleta con círculo concéntrico ao seu redor asociado a outros pequenos sucos circulares.

Estado de conservación

Hai varios aspectos que saltan á vista dunha primeira consideración: o acusado desgaste que presentan os gravados, as fracturas da rocha, o lique que medra sobre os gravados, a maleza tan próxima á rocha, as árbores que medran sen control ao seu redor…

Calquera lume que haxa neste espazo afectaría considerabelmente o pouco que queda dos gravados máis superficiais, especialmente dos circulares.

Valoración final

Cando se aplicará un proxecto integral de limpeza preventiva destas rochas? É necesario liberar un espazo cun perímetro de protección que impida o crecemento de árbores e maleza que poidan afectar tanto pola acción das raíces, coma pola proliferación dos liques, a maleza que os oculta de calquera agresión por accións forestais, e, principalmente, a acción do perigosísimo lume.


Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

Petróglifos do Carballoso IV (Oia)

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Esteriz-Estomada, no Maúxo, moi preto da área recreativa de Oia e forma parte do conxunto de cinco estacións rupestres que levan o nome de “O Carballoso”, que se estende ao longo da parte baixa do camiño forestal que une a ermida de San Sebastián de Coruxo co parque forestal de Oia, na parte máis próxima a este último.

O acceso é bastante difícil, entre abundante vexetación de monte e sen ningún tipo de sinalización, a partir dun camiño paralelo á pista forestal.

Descrición

Está formado por un importante conxunto de rochas, con dous bloques principais paralelos, que podemos dividir en tres sectores.

Sector 1): a rocha máis grande, cunha superficie de 2,30 m x 3,00 m. Esta rocha presenta na zona central superior unha gran pía ao redor da que se atopan outras pías menores e os diferentes tipos de gravados:

Tres xadrezados, asociados a sucos e numerosa coviñas ao seu arredor. Sobre a pía principal hai un grupo de coviñas que resalta no conxunto formando por dúas fileiras paralelas que se estenden ata un dos xadrezados. O segundo dos xadrezados está situado ao carón tamén desta gran pía, asociado a diversas coviñas ao seu redor, e o terceiro dos xadrezados atopámolo na parte baixa da rocha, asociada a coviñas e outros sucos pouco definidos.

Ao pé desta gran rocha, fechándoa polo norte, hai outra de menor tamaño, cunha prominencia duns 50 cm de altura, de forma cónica, con gravados ao seu arredor. Presenta sucos con posíbeis formas zoomorfas asociados a coviñas ao redor da rocha.

Sector 2): unha rocha paralela á anterior, de 4 m de longo e aproximadamente un metro de largura. Presenta, como motivos máis salientábeis, dous xadrezados. Un destes xadrezados está continuado por dúas formas circulares con suco central. Ao longo desta rocha tamén podemos apreciar varios riscos e coviñas na súa lonxitude.

Sector 3): a uns 15 m do anterior conxunto, sobre unha rocha plana a rentes do chan podemos ver un conxunto formado por catro gravados naviculares. Só dous deles presentan un apreciábel rebaixe, mentres que os outros  son pouco perceptíbeis xa. Nalgúns aínda se poden distinguir os dous rebaixes secundarios que leva cada navicular en ámbolos extremos. Como curiosidade, chama a atención que os dous naviculares centrais estean lixeiramente superpostos, ou que o central máis grande presente un suco de saída cara á suave pendente da rocha.

Estado de conservación

Como sucede na maioría dos casos, o estado de conservación é o propio dos gravados rupestres á intemperie, acosados por plantacións intensivas –neste caso eucaliptos-, cos conseguintes traballos forestais, e os lumes que ao longo dos anos deterioran a superficie das rochas.

Faise necesaria unha intervención dende a administración que faga unha posta en valor da importancia deste xacigo en particular, coas medidas necesarias que se acorden coa comunidade de montes correspondente para que non sufra ningunha agresión debido a traballos forestais e incendios.

Por outra parte, os cinco xadrezados están cada vez máis deteriorados e con maiores dificultades para a súa apreciación. Cómpre neste caso unha intervención de protección especial para este conxunto de xadrezados que os preserve de ser pisados, rascados con obxectos, e evite que o lume de incendios poida chegar a atacalos.

Valoración final

Todo este conxunto destaca por dous factores principais: é a maior concentración de xadrezados que temos nos gravados rupestres do concello de Vigo, con cinco representacións no mesmo lugar. Por outra parte é importante a asociación ao conxunto de catro gravados naviculares que atopamos na súa contorna.

O peor é a non existencia de indicación de ningún tipo para chegar a este lugar. Soamente as persoas que o coñezan previamente ou agora grazas á localización GPS poden ter acceso á este fermoso conxunto de gravados.

Esta pista forestal que une a ermida de San Sebastián cos parques forestais de Oia e Saiáns está inzada de estacións rupestres, da cales apenas unha pequena parte está sinalizada, correspondente á zona de Coruxo. Os arredores da área recreativa forestal de Oia, onde se atopa o conxunto de gravados do Carballoso, non conta con ningún tipo de indicadores na actualidade.

A falta de luz de contraste, debido á basta presenza de eucaliptos sobre estas rochas, impide apreciar con claridade durante o día estes gravados que, paulatinamente van desaparecendo pola erosión, a acción humana e dos lumes.

Soamente o contraste luminoso de luz artificial nocturna permite neste momento unha mellor observación. Esta é unha experiencia que se podería promover en determinados momentos do ano e que xa se está levando a cabo noutros lugares por outros colectivos, como fai o Instituto de Estudos Miñoranos, con visitas guiadas nocturnas a lugares rupestres.

Nas fotos da galería que ofrecemos pode constatarse esta diferenza de observación entre a luz natural diúrna e a luz artificial nocturna.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

Petróglifo do Carballoso III

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado

Situación

Na dorsal descendente baixo o camiño, sobre unha rocha horizontal de 2,5 x 1,7 metros.

Descrición

Esta rocha plana presenta un pequeno conxunto de figuras de enigmática interpretación.

Son catro os elementos principais que podemos observar:

Un figura ovoide reticulada no seu interior.

Unha cazoleta asociada á liña ovoide da que parte un suco cunha certa traza serpentiforme.

A ambos os lados da figura ovoide hai cadanseus sucos de trazado serpentiforme.

Estado de conservación

Os gravados son cada vez máis difíciles de observar e precisar. O desgaste da pedra é moi considerábel.

O principal coidado que hai que ter aquí é o traballo forestal que se desenvolva ao seu redor.

Valoración final

Cómpre pór en marcha canto antes un plan de conservación e posta en valor destes gravados que están desaparecendo a unha velocidade alarmante.

O desgaste natural da rocha, acelerado pola chuvia ácida por un lado e a actividade forestal por outro, fan no seu conxunto que estes gravados teñan os anos, ou meses, contados.

Compre tomar exemplo doutros lugares de Europa (Valcamonica en Italia, ou Alta en Noruega, etc.) que se preocuparon por estes temas e lograron poñer freo a esta degradación patrimonial.

Neste sentido é loábel o esforzo do Instituto de Estudos Miñoranos tentando facer unha gran aposta respectuosa e non daniña para dar a coñecer os gravados rupestres do Alto dos Lameiros en Bahiña, Baiona.

Lamentabelmente, atopámonos cunha administración que en nada parece ter cambiado, aínda con gobernaren agora forzas políticas diferentes.

Os gravados rupestres continúan, en liñas xerais, igual ca sempre, cunha Lei de Patrimonio que, tamén en liñas xerais, nin fai nin deixa facer, e ten as persoas profesionais e especialistas da arqueoloxía amordazadas e coas mans atadas ante calquera tipo de iniciativa.

A nivel local, a nosa administración podía facer moito polos numerosos gravados existentes no concello de Vigo. Hai lugares de sobra onde intervir, mesmo algún conxunto de petróglifos, coma os de Pedra da Laxe en Sárdoma, en terreos municipais; mais o tempo pasa, os principais partidos políticos existentes na cidade xa pasaron todos tamén polo goberno municipal, e todo continúa igual.

 

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

 

-

Petróglifos do Carballoso II (Oia)

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

 

Imaxes: Angel de Prado

Situación

Non é doado dar con este conxunto de gravados rupestres. Están preto da pista forestal que comunica Coruxo, dende a ermida de San Sebastián, con Oia, a 2,3 km da ermida. Hai que abandonar a pista e dirixirse monte a través na busca destes afloramentos rochosos. Nas inmediacións encóntranse tamén os petróglifos do Carballoso III, IV e V.

Descrición

Hai varias rochas con distintos tipos de gravados. Comezaremos a describilas de oeste a leste.

  • Rocha de 1m x 0,8m: vemos unha figura cuadrangular de 3×5 cuadrículas. Ao seu lado hai unha figura circular incompleta.
  • Rocha de 3,40m x 2,50m. De norte a sur vemos:
  • Unha figura oval incompleta, dividida en tres zonas interiores por senllos sucos. En cada unha destas zonas hai varias coviñas.
  • Asociadas a este figura oval hai dúas cazoletas.
  • Tres figuras formadas por sucos, con formas cuadrangulares incompletas.
  • Ao lado destas figuras vemos unha cazoleta duns 10 cm de diámetro.
  • A continuación atopamos dúas figuras circulares incompletas apegadas, con coviñas no seu interior asociadas a pequenos sucos.
  • A última figura é un pequeno círculo con coviña central e suco de saída.
  • Rematamos a observación da rocha con varias coviñas e sucos imprecisos.

Seguidamente atopamos cinco pequenas rochas, de menos dun metro, nas que hai coviñas e cazoletas. Na rocha central hai unha gran cazoleta duns 25 cm de diámetro asociada a outras dúas de menor tamaño.

A rocha situada no extremo leste presenta dous gravados.

  • Figura oval dividida por un suco central con numerosas coviñas en ambas as seccións.
  • Apegada a esta hai unha figura formada por tres círculos concéntricos, con coviñas centrais.

Estado de conservación

A propia ficha do catálogo do PXOM declara que unha “gran cantidade de maleza, musgos e líquenes ocultan por completo as rochas” (sic). Deste xeito conclúe que o seu estado de conservación é “malo”.

Na fotos pode observarse como as rochas están sen ningún tipo de protección nin coidado. Non se aprecia ningún tipo de labores de conservación e preservación.

O abandono deste conxunto rupestre é total, o que nos leva a preguntarnos se o departamento de patrimonio tanto local como provincial teñen constancia do lamentábel estado da situación que sofren estes gravados.

Valoración final

Cando nos achegamos a nun lugar así, no que observamos e nos abraiamos do estado de conservación do noso patrimonio, decatámonos da paulatina degradación á que se ven sometidos estes petróglifos pola desatención de todas as persoas e entidades implicadas: dende as comunidades de montes ata as diferentes administracións.

As comunidades de montes deben tomar conciencia de que non só teñen árbores nos montes, de que hai unha riqueza tamén nos seus territorios que non se cuantifica en euros, senón nun valor patrimonial que mestura arte, historia e antropoloxía.

Non só as árbores teñen raíces; tamén nós, como pobo, temos raíces. E esas raíces están moi á vista en cada un dos gravados das nosas rochas. Forman parte da nosa identidade e da imaxe que temos de nós mesmos e que transmitimos ao mundo.

Os labores forestais realizados sen as debidas precaucións causan danos irreparábeis nas rochas e nos seus gravados.

As administracións teñen o deber de informar e implicar as comunidades de montes na conservación de todo este legado histórico, xa que o labor forestal cada vez máis intensivo que se realizan nos montes aceleran as posibilidades de desaparición do noso patrimonio arqueolóxico.

E mentres isto sucede, onde están e para onde miran as nosas administracións?

 

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Petróglifos do Carballoso (Coruxo)

Gardado en: Coruxo, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado.

Situación: Podemos velos sobre unha pequena elevación rochosa, cunhas espectaculares vistas sobre a ría, con Toralla e as Cíes ao fondo. Os gravados están no seu cumio, nunha pedra horizontal.

Dentro do conxunto que forman os cinco conxuntos de gravados denominados O Carballoso, este é o único que está en terras de Coruxo; os demais están xa en Oia.

Todos eles se atopan paralelos á pista que une Coruxo con Oia dende a ermida de S. Sebastián ata o parque forestal de Oia.

Este petróglifo tamén se denomina Outeiro de Lucas I.

Descrición: hai dúas combinacións circulares e un rebaixe navicular.

A. Un petróglifo con dous círculos concéntricos completos e unha coviña central. Ten aproximadamente uns 28 cm de diámetro.

B. Un petróglifo formado por tres círculos concéntricos –o exterior incompleto-, sen coviña central e cun suco de saída en dirección sueste. Mide uns 36 cm de diámetro. Está situado a un metro e medio do anterior en dirección suroeste.

C. Un petróglifo navicular cun rebaixe en cada extremo. Está situado entre os dous petróglifos circulares, en dirección oeste. Mide uns 70 cm de longo e uns 24 cm de largo.

Estado de conservación: non hai especiais incidencias que estean danando estes gravados. Conta cunha sinalización adecuada, aínda que non representa os gravados na súa totalidade, senón só parcialmente os círculos concéntricos A e o navicular. Falta un debuxo ou fotografía que permita visualizalos todos de vez sen necesidade de riscar neles con ningún tipo de marcador agresivo.

Valoración final: o cartel ofrece unha ampla información, tanto dos elementos paisaxísticos que se contemplan dende este lugar, como das interpretacións e contextualizacións dos gravados que nos ocupan. Achega interesante información sobre os resultados das análises de residuos do interior do petróglifo navicular, no que destaca a posíbel función de muíño, coma os restos de materiais asociados a ritos funerarios ou a substancias narcóticas. Poden ter que ver as formas circulares con rituais ou representacións que fagan referencia á morte ou ao máis alá? Nunha época en que a vida humana era tan breve, e na que xa se herdara un concepto moi importante da relación cos mortos (as mámoas agochan no seu interior moradas mortuorias realizadas nun elemento eterno, a pedra, megálitos de complexa construción para a tecnoloxía lítica da época, construídos para seren vistos só polos defuntos), poderían ter que ver as construción circulares con rituais de comunicación co máis alá, foren deidades, foren defuntos?

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Petróglifo Presa das Rodas (Coruxo)

Gardado en: Coruxo, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado (podedes ver máis fotos neste enlace)

Situación: está en Fragoselo, a 300 metros da capela de San Sebastián, pola pista que vai ao campo de fútbol. Á beira da pista hai un cartel indicador de madeira. A partir de media tarde, as árbores dificultan coa súa sombra a apreciación das representacións gravadas. Están nun afloramento rochoso inclinado cara ao nacente, cunha elevación de apenas 30 cm.

Descrición: a rocha mide 8m x 7m e presenta combinacións de círculos, coviñas e sucos en tres seccións diferentes:

Na zona norte da rocha (á nosa dereita de fronte a ela) hai unha serie de círculos (simples, dous círculos concéntricos, círculos incompletos) unidos entre si por sucos orientados en distintas direccións. Completando os espazos entre estas figuras hai numerosas coviñas agrupadas entre si.

Zona central: hai tres cazoletas dispersas aliñadas entre elas. Sobre as dúas da esquerda hai catro círculos concéntricos con suco de saída. No extremo do suco hai un círculo simple máis pequeno con coviña central.

Zona sur: no extremo da rocha hai tres cazoletas xuntas.

Estado de conservación: ao estar ben indicado, e ao lado da pista, faise susceptíbel de maiores agresións por parte das persoas que se acheguen a el sen coñecementos do que non se debe facer ante un gravado rupestre.

É urxente que se dispoña unha boa información á súa beira (paneis, fotografías, debuxos esquemáticos) que eviten que a xente sinta a necesidade de rascar con obxectos que os deterioren irremediabelmente. Xa existen exemplos desta boa información, como se fixo nos petróglifos do Carballoso, nesta mesma ruta de Coruxo.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Bloguea en WordPress.com.