Patrimonio cultural de Vigo

-

Igrexa de Sta. Mariña (Cabral)

Gardado en: Cabral, Igrexas — Xosé Couñago @ -

Situación: a situación da igrexa, dominando o amplo val que se abre sobre o concello ata o mar dende o delongado e aberto adro que a arrodea, xunto coas dimensións en altura da construción, fan salientar este edificio nada máis achegarnos a el.

Descrición: descoñecemos a data de construción, aínda que se adscribe no estilo neoclásico polas características ornamentais. Chama a atención a primeira vista a altura da nave, máis alta aínda na cabeceira, con respecto ao ancho da igrexa. Curiosamente a cabeceira é máis alta, pero máis estreita ca o resto do edificio, o que acentúa esa sensación de altura e de monumentalidade do edificio.

Sacado as dimensións referidas, o que vai centrar a nosa mirada é a fachada principal, xa que o resto dos muros non presenta apenas elementos que salientar.

Fachada principal: organízase sobre varios elementos ornamentais distribuídos harmonicamente na súa correlación. Liñas verticais, marcadas polas pilastras dos cantos laterais, da porta, do fornelo e da guarnición da xanela central; esta linearidade vertical vese acentuada pola concentración central dos elementos máis salientábeis (porta, fornelo, xanela e campanario). Liñas horizontais, marcadas polos linteis da porta, da cornixa superior –que divide a fachada en dous corpos- e a cornixa inferior da espadana. Conxuntando estes dous elementos distribuidores, están os frontóns triangulares sobre o fornelo, o frontón do corpo superior da fachada e o frontón de remate da espadana. Tres frontóns alternantes entre eles, sobre unha mesma vertical central.

Porta: rodenado a porta vai un xogo lineal de molduras con remate superior en cóbado nas dúas esquinas. Este conxunto está enmarcado por pilastras sobre as que se labran cadanseu fuste que se unen un ao outro por un soporte corrido superior, mantendo unha continuidade decorativa, que serve de base para o fornelo da Virxe.

Fornelo: as pilastras que enmarcan estes fornelo son semellantes ás da porta, estabelecendo deste xeito unha continuidade decorativa. A media altura do fornelo podemos observar outro elemento ornamental consistente nunha pequena cornixa que divide este pequeno frontispicio en dous corpos, a semellanza –en miniatura- do propio frontispicio da igrexa. Este fornelo remata cun frontón triangular de molduras, en consonancia coas molduras das cornixas que se estenden polo resto do edificio.

Xanela: marca o comezo vertical do corpo superior da fachada. Está enmarcada por unhas sinxelas pero fermosas molduras que a fan sobresaír da fachada; á súa vez esta xanela está tamén enmarcada pola propia cornixa horizontal do frontispicio, orixinando unha curiosa interrupción da liña horizontal bordeando a xanela.

Corpo superior da fachada: a súa forma de frontón está rodeada por unha cornixa que se interrompe na súa parte central, por un lado para rodear a xanela que contén, por outro para servir de base á espadana que se ergue no centro. Esta cornixa mantén o xogo decorativo de molduras que se desenvolve por todo o edificio.

Espadana: presenta dobre arco con cadansúa campá. A espadana está coroada por un frontón, acentuando a verticalidade triangular da fachada. Sobranceando a espadana e as pilastras laterais da fachada hai catro pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla.

Tendes no seguinte enlace unha relación máis completa de fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

.

2 Comentarios »

  1. Es una lastima que no hayas podido entrar pueto que en el interior hay 2 frescos recientemente descubieros y restaurados que son dignos de mencion.

    Por cierto, creia que la iglesia era de estilo Barroco.

    Un saludo y gracias por tu aportacion

    Comentario�Comentarios por yomismo — - @ -

  2. [...] este cruceiro está situado ao carón da fermosa igrexa neoclásica de Santa Mariña de Cabral, dentro do cemiterio vello. Tanto o propio lugar en que se asenta a igrexa, cunhas incríbeis [...]

    Pingback por Cruceiro do cemiterio de Sta. Mariña (Cabral) « Patrimonio cultural de Vigo — - @ -


RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Deixa un comentario

Bloguea en WordPress.com.