Este é un peto de encrucillada. Está situado no muro divisorio entre dúas casas. Ten máis de douscentos anos (figura unha inscrición de 1785) e o seu estado de conservación é bo.
Podemos achegarnos a el indo pola estrada do aeroporto e xirando á esquerda pouco antes de chegar ao cruzamento coa estrada que vai a Redondela.
Chama a atención a súa forma sinxela e policromada. Sempre adornado con flores e candeas acesas, o que evidenia a súa viveza entre a devoción da xente.
A súa contorna máis inmediata tamén está coidada, mesmo co solo preparado ao seu arredor.
Ten un remate triangular coma o de Caeiro, que lle dá ese aspecto de capeliña.
Tamén é de observar a decoración de arco de medio punto, rematado en cruz, que nos rememora a tradición viva do románico na arquitectura popular.
A inscrición que ten decorando o frontal di: “HERMANOS ACORDAHOS DE NOSOTRAS. AÑO DE 1785″
Destaca o cromatismo, contrastando entre o azul e a pedra pintada de branco. O conxunto salieneta todo el sobre as paredes escuras das construcións adxacentes.
Ao achegarnos podemos ver un retablo de xeso policromado, dentro dun fornelo acristalado como protección.
A figuración está composta por un Ecce Homo e catro almiñas entre o lume debaixo del: simbolismo relixioso evidente de que Deus sofre polos pecados da humanidade e o ser humano sofre, á súa vez, polos pecados cometidos contra El.
O Ecce Homo é moi expresivo, dramático e ben traballado na forma e nas cores.
Vai atado e leva coroa de espiñas sangrante e unha cana na man dereita.
Podedes acceder dende aquí a unha galería de FOTOS.
Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)