Patrimonio cultural de Vigo

-

Igrexa románica de Coruxo

Gardado en: Coruxo, Igrexas, Románico — Xosé Couñago @ -

A igrexa románica de Coruxo encóntrase na estrada de Camposancos, Vigo-Baiona.

Esta igrexa románica foi na súa orixe un mosteiro, con monxes, xa documentado no século XI. Chegou a ter ata 25 frades e o seu declive como mosteiro deuse a medida que o de Oia se volveu máis poderoso.

No seu esteo esquerdo hai unha inscrición cunha data que nos permite situala cronoloxicamente: “ERA:M:CC:XIII”, que corresponde co ano 1175.

É a igrexa románica máis grande das tres conservadas en Vigo, xa que orixinalmente era de tres naves, mentres que as outras dúas (Bembrive e Castrelos) son dunha soa nave. Trátase, polo tanto, dunha igrexa de planta basilical.
Da fasquía medieval só conservamos a cabeceira, con tres ousias. O resto da igrexa é moi posterior.

Nas ousias laterias, máis baixas ca a central, consérvanse dúas xanelas historiadas. Na ábsida central hai tres xanelas en seteira, non decoradas, mais que permiten unha entrada de luz abundangte e fermosa ao seu interior. O normal nas igrexas de tres ábsidas galegas é que a central estea máis decorada ca as laterais, mais aquí ocorre ao revés.

Os canzorros que decoran os beirados das tres ousias son de motivos xeometrizantes (decoración en forma de proa, planos superpostos, baquetas e rolos).

Das tres igrexas tamén é a que sofre unha maior agresión ambiental neste momento, posto que ao seu carón pasa a estrada principal que vai a Baiona e o volume de coches e camións é moi alto; mesmo cun semáforo moi preto que provoca polución nas arrancadas e vibracións que van esfarelando progresivamente a pedra, tal como podedes observar nas fotos.

Danos que se observan:

Unha das xanelas, a da zona norte, xa non ten columnas baixo os seus capiteis vexetais (a máis próxima ao semáforo).

As chambrás exteriores das dúas xanelas (de tacos ou xadrezado) están moi desgastadas (comparar coas das outras dúas igrexas -Castrelos e Bembrive-).

As figuras humanas que hai nos capiteis dunha das xanelas están moi erosionadas e apenas recoñecibles. Hai traballos que falan de que poden tratarse de Adán e Eva. Quen teña máis datos agradeceriamos que os achegue nos comentarios.

No interior, na parte románcia, obsérvanse uns fermosos arcos apuntados e de medio punto, propio do románico de transición de finais do XII ao XIII. As xanelas das ousias laterais teñen decoración tamén cara ao interior.

No adro tamén hai un cruceiro moi singular que ten unha fermosa lenda: fálanos dun tesouro ou gran cantidade de cartos enterrados debaixo do mesmo cando foi construído por un personaxe do Santo Oficio. Na base do cruceiro poden lerse os datos da súa fundación; mais, pola outra banda da base, hai outra inscrición que di que foi trasladado de lugar e pintado. Aínda se poden ver cruceiro policromados por outros lugares dos arredores. É unha mágoa que se deixasen de pintar a maioría deles.

Máis información:

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Aínda non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Deixa un comentario

Bloguea en WordPress.com.