Patrimonio cultural de Vigo

-

Cruceiro do adro parroquial de Beade

Gardado en: Beade, Cruceiros, Igrexas — Xosé Couñago @ -
Outra das marabillas da arte popular do s. XIX no concello. Atopámolo no adro parroquial de Beade, na zona norte. Está ben conservado, aínda que ao estar na parte norte presenta un aspecto de humidade e brión. Ten tres pequenas chanzos sobre os que se erixe. Xa na base aparece unha inscrición que só nos dá conta dun dato: “SE TRASLADÓ” e “1850″; polo tanto, descoñecemos a data de realización. Se algúen pode achegar aglún dato máis concreto ou característica que nos permita situalo con maior aproximación, agradecerémolo para o coñecemento de todos.
O varal é octogonal e achéganos a mirada ata unha cruz fermosamente ornamentada. O capitel ten catro caras con cabezas de anxelotes con ás. Sobre este capitel contemplamos un Cristo cos brazos horizontais e un rostro expresivo, elevado e ladeado á dereita. Chama a atención a representación da roupa ao redor da cintura: pregas horizontais en fileiras perfectamente regulares. Esta mesma forma da roupa mantense na figura do Cristo da Piedade no reverso da cruz. Isto dálle unha maior secuencialidade dramática á escena.A Piedade ten como característica unha figuración da Virxe como nai co seu neno pequeno nos brazos; de feito, Xesús é de menor tamaño ca a Virxe. Por outra parte é de destacar a emboltura do manto da Virxe, no que salienta a forma que adopta ao redor do seu pescozo.

A igrexa de Beade é barroca, ao igual ca as de Comesaña, Matamá, Sárdoma, Valadares e Zamáns. Destaca principalmente a fachada sobre a ausencia ornamental do resto da igrexa no seu exterior. Ten dúas entradas de luz na fachada e remata cunha sólida maxestosa torre central de campanario, con reloxo. Presenta o característico fornelo coa figura do santo da advocación parroquial (Santo Estevo). No deixaremos de destacar o adro perfectamente conservado ao seu redor.

Aínda non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Deixa un comentario

Bloguea en WordPress.com.